Quen somos?

A Nave Das Ideas 

Vigo é unha cidade na que as naves, nas súas dúas acepcións, son ben visibles. Do seu pasado —e presente— industrial a cidade acolle as naves nas que se crea e se constrúe. Destas a nós interésanos o que simbolizan de lugares de produción da achega máis xenuína do país ao resto do mundo. Do pasado —e presente— mariñeiro e comercial, aparecen as naves que inzan o noso porto e destas a nós interésanos o que simbolizan de pontes entre distintas realidades culturais; xa se atopen estas próximas ou afastadas no espazo. Así, o colectivo A Nave das Ideas nace coa vontade de unir, mediante redes, a visión do mundo imaxinada e conformada nesta beira do Atlántico cos remuíños e correntes de pensamento e cultura que circulan polo resto dos océanos.

A lingua galega é o noso vehículo de comunicación e fonte inesgotable para as nosas actividades socio-culturais. Apostamos pola súa vitalidade en todos os ámbitos de coñecemento. O noso é un compromiso coa lingua, co seu presente e o seu futuro. E se A Nave das ideas se define coma un colectivo galego, se nace coa vontade de permanecer vencellado á realidade do país e de participar —cunha visión transformadora da sociedade— nos debates que se produzan no seu interior, é porque está convencido de que só sendo galegos é que podemos ser verdadeiramente universais.