Novo acto da Nave: homenaxe ao pintor Urbano Lugrís

Cartel dos actos que se celebrarán na cidade de Vigo organizados por A Nave das Ideas

Cartel dos actos que se celebrarán na cidade da Coruña organizados polos colegas de In nave civitas

Publicado en A Nave das Ideas, Sen clasificar | Etiquetado , , , , , , , | 1 Comentario

Publicamos nun PDF as colaboracións do acto arredor dos medios de comunicación

O 30 de xuño de 2011 a Academia Galega fixo público un manifesto arredor dos medios de comunicación galegos co gallo da defunción de Galicia Hoxe. No seu quinto punto anuncia a magna institución a elaboración dun “novo informe que afonde nas causas e posíbeis solucións ante o devalo do espazo da comunicación en Galicia”.

A Nave das Ideas quere contribuír, dende a súa humildade e dende o tecido asociativo, a este debate. Publicamos hoxe o documento que recolle todas as reflexións que diferentes persoas, ligadas ao mundo dos medios de comunicación galegos, nos fixeron chegar por mor do acto que convocamos na primavera deste mesmo ano en Vigo. Tamén engadimos as conclusións ás cales chegou o noso colectivo sociocultural.

O documento é de descarga gratuíta e a disposición de quen quixer para a súa difusión e uso.

Quedamos, novamente, obrigados a todas aquelas persoas que colaboraron xenerosamente connosco.

Para descargar pincha na seguinte ligazón:
hai alguen aí fin

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Publicamos nun PDF as colaboracións do acto arredor dos medios de comunicación

Patrimonio industrial da Ría de Vigo

O colectivo “Entremos na Panificadora” leva xa un tempo poñendo en valor e difundindo a riqueza arquitectónica de Vigo.
Desta volta facémonos eco da grata iniciativa do Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo, onde se sinala nun mapa as diferentes construcións operarias xunto a unhas fichas con información a eito.
Abofé que vos prestará botarlle unha mirada.

http://www.entremosnapanificadora.com/index.php?option=com_content&view=article&id=203:presentacion&catid=56:presentacion-e-metodoloxia&Itemid=79

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Patrimonio industrial da Ría de Vigo

Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Carlos Barros

Vídeo da intervención do director do Novas da Galiza, Carlos Barros, no acto de debate sobre os medios de comunicación galegos organizado pola Nave das Ideas o pasado 25 de marzo en Vigo.

Os medios galegos a debate. Carlos Barros from NaveDasIdeas on Vimeo.

Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , , , , | Comentarios desactivados en Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Carlos Barros

Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Comba Campoy

Vídeo da intervención da xornalista Comba Campoy no acto de debate sobre os medios de comunicación galegos organizado pola Nave das Ideas o pasado 25 de marzo en Vigo.

Os medios galegos a debate. Comba Campoy from NaveDasIdeas on Vimeo.

Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , , , | Comentarios desactivados en Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Comba Campoy

Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Marcos Pérez Pena

Vídeo da intervención do xornalista Marcos Pérez Pena no acto de debate sobre os medios de comunicación galegos organizado pola Nave das Ideas o pasado 25 de marzo en Vigo.

Os medios galegos a debate. Marcos Pérez Pena. from NaveDasIdeas on Vimeo.

Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , , , , | Comentarios desactivados en Os medios de comunicación galegos a debate. Intervención de Marcos Pérez Pena

A opinión de Victor Freixanes sobre os medios de comunicación galegos

Tras o interesante debate do pasado venres, e ata que colguemos os vídeos do mesmo, seguimos con algunha que outra opinión escrita arredor dos medios de comunicación galegos. Desta volta a de Victor Freixanes.

1. ¿Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso afirmativo, ¿cales
serían os seus trazos?

A pluralidade é sempre beneficiosa. Se respondemos á pregunta dende o cuantitativo,
atendendo ao número de cabeceiras que existen na actualidade na sociedade galega,
comparándoas con outras comunidades, debo dicir que hai un exceso de oferta. ¡Trece
cabeceiras, a meirande parte delas dicindo o mesmo! Non hai espazo nin mercado para
tantas. As máis delas son empresas familiares, que veñen de atrás e dispoñen coma
quen dun territorio propio conquistado durante décadas, mesmo de cen anos nalgún
caso, e que tenden a repetir o modelo de sempre. Iso fainas tamén menos competitivas,
fracas de recursos, extraordinariamente débiles diante de calquera proposta exterior,
no que se refire sobre todo á calidade do producto informativo. Dende este punto de
vista, sobran cabeceiras. Hai un exceso de oferta no mercado xornalístico galego. Non
obstante, se respondemos á pregunta dende o cualitativo, direi que o galeguismo, o
nacionalismo, por exemplo, a cultura e a lingua galegas seguen sen estar representadas
ou suficientemente representadas, ou non o están como a algúns nos gustaría que
estivesen representadas, que se cadra non é exactamente o mesmo. En principio, este
oco segue sen encher. Outra cousa é que haxa espazo abondo para esta proposta, para
sostela e desenvolvela de xeito atractivo, eficaz, competitivo. As propostas que ata
agora se fixeron, non deron conectado coa realidade social necesaria para facelas
viables.

2. ¿Podemos aspirar a un xornal de subscripcións ou sempre dependeremos das
subvencións e da publicidade?
Un xornal moderno, en calquera sociedade moderna, sostense sobre os lectores
(subcripcións ou non, en calquera caso fidelidades) e sobre o mercado publicitario. Non
hai outra fórmula. As subvencións, que tamén se dan fóra de Galicia, son unha pexa,
unha limitación, porque habitualmente se distribúen con criterios de clientelismo e
dependencia política. A liberdade dun xornal, e de calquera empresa de comunicación,
sostense sobre a fidelidade dos lectores e sobre a súa independencia económica. Sen
autonomía e independencia económica non hai liberdade de expresión, ou está moi
mancada.

3. ¿Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta un xornalismo que
informe de xeito xeral?
Non vexo que sexan incompatibles. Eu inclinaríame por un xornalismo que atendese
ás demandas que sinalei no primeiro punto: o discurso do galeguismo nunha Galicia
moderna, sen complexos, tamén sen sectarismos. Un xornalismo que saiba conectar con
esas propostas.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio
teña unha liña ideolóxica marcada?

A pluralidade é necesaria, diría que esencial a calquera sociedade moderna e
democrática. Mais tamén cabe a pluralidade dentro dunha tendencia, que ten que ser
ampla dabondo como para representar as distintas correntes, intereses, tensións que
actúan no grupo social. Se entendemos “ideoloxía marcada” igual a discurso
programático e partidario diría que non, que iso é unha limitación para o obxectivo que

deberiamos propoñernos: chegar ao conxunto da sociedade. Máis que ideoloxía
marcada eu falaría de corrente ou tendencia.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?

Os blogs e as redes sociais son un espazo máis, dentro da ampla oferta tecnolóxica
que a sociedade da comunicación nos ofrece. Son un territorio da pluralidade, mais
tamén un espazo confuso que demasiadas veces, máis que clarificar, entrapalla todo.
Os medios de comunicación, as cabeceiras identificadas como tales, profesionalizadas,
ben definidas, segundo os principios que apuntamos nas respostas anteriores, deben ser
puntos de referencias para a información fiable e a opinión responsable. Responsable
quere dicir identificable, recoñecible, que cada quen se faga cargo dos seus propios
discursos. O anonimato ou o ocultamento en pseudónimos varios non me parece
admisible.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

O feito de que a filtración de Wikileaks se fixese a través de cabeceiras tradicionais de
referencia denuncia o que apuntabamos na resposta anterior. A público necesita fiarse
de alguén: profesionais ou operadoras que respalden a información que se difunde, non
calquera filtración que chegue a nós, moito menos se vén agochada no anonimato. O
público quere saber quen emite, de onde procede a información que recibe, quen está
detrás da noticia. O xornalismo asina e responsabilízase do que difunde, e o público
agradece saber a identidade das fontes.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
conveniente outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción
ante os acontecementos máis sosegado?
Tampoco son fórmulas incompatibles. Podemos e debemos estar pegados á realidade
e debemos estimular a reflexión, a interpretación dos feitos, para o cal a competencia
dos xornalistas e o rigor dos procedementos é algo fundamental. Atendendo á realidade
galega e á oferta existente, eu avogaría por un xornalismo cualificado, documentado,
apoiado na opinión e no debate, no respecto ás ideas dos outros e á documentación
contrastada dos acontecementos que se difunden. O futuro da prensa (impresa ou
dixital) está aí, complementando a inmediatez e a aceleración doutros medios: a radio, a
televisión, as redes…

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Os xornalistas deben informar. Mais unha información de calidade esixe, ademais,
contrastar os feitos que se narran (as noticias).Cómpre unha información documentala
e contextualizala. A información debe axudar a comprender a realidade, debe explicar
e axudar a interpretar os feitos, deixando que sexan os lectores, coa documentación que
se lle ofrece, quen constrúan libremente a súa opinión, sen adoutrinamentos, o que non é
incompatible coa información de tendencia á que aludia antes. O xornalismo de púlpito
está superado hai tempo. A información é propiedade democrática das audiencias, non

un patrimonio dos xornalistas, nin das empresas informativas. Un xornalismo moderno
debe diferenciar moi ben o que é opinión do que é información, cousa que non sempre
ocurre na actualidade, onde a información ou se converte en espectáculo de consumo
sensacionalista ou en material interesado para a manipulación das audiencias.

Publicado en Sen clasificar | Etiquetado , , , , | Comentarios desactivados en A opinión de Victor Freixanes sobre os medios de comunicación galegos

Manuel Barreiro opina sobre os medios de comunicación galegos

Manuel Barreiro é analista politico en diversos medios de comunicación.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos? 

Galiza é un país de moitas cabeceiras xornalísticas, pero pouca pluralidade informativa. Cómprenlle novos medios. Un modelo que me parece atractivo (e posíbel) é o dun xornal dixital combinado con edicións (sabatinas e dominicais, por exemplo( en papel. Un medio na Rede cunha fiestra aberta ao papel, un híbrido entre xornal e semanario. Un medio comprometido con alianzas colaborativas con outros medios (en papel, radiofónicos, audiovisuais…) críticos, alternativos ou disconformes coa actual orde de cousas. 

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade? 

Os medios deben depender dos seus lectores. Creo na subscrición como unha forma de accionariado popular, trátase de pagar unha subscrición non como pago pola información puntual que recibes na rede, senón como achega á capitalización dun medio que ten unha liña editorial que compartes. Os contidos serán en todo caso abertos, non se paga polos contidos senón para garantir a sustentabilidade do medio. Cada quen debería poder fixar a cota da súa subscrición-acción. Véxolle ademais unha utilidade adicional: verificariamos cantas persoas están dispostas a pasar do estado de necesidade (dun medio) ao estado de compromiso (co medio). Subscrición-acción, publicidade e subvencións tamén, son recursos públicos e o novo medio debería aspirar a acceder a eles. 
 

3.Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe de xeito xeral? 

Para a miña idea, se o que se dexesa é, principalmente, ofrecer novas que compitan cos medios tradicionais, mellor sería pensar en crear unha axencia de noticias alternativas. Non vexo condicións actuais de manter un novo medio que poida competir nese terreo cos medios actuais en papel e as súas edicións dixitais. Creo que o formato do novo medio debe ser máis a reportaxe e a entrevistas en profundidade que as novas, debería traballar dacabalo das tendencias e adiantar información. Só poderá competir se vende antes as noticias: hoxe non hai que facer a edición de mañá, senón a de pasado mañá. Reportaxes de Investigación, editoriais, información de tendencias, opinión e conversa cos lectores son o combinado que me parece máis atractivo para un novo medio. 
 

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada? 

Non vexo outra posibilidade que un medio cunha liña editorial plural. Hai un eixe transversal que me parece necesario salientar: o novo medio debería ser un medio para o cambio político, social e cultural en Galiza. Os xornais son unha comunidade de ideas e información, creo que lle vale cunha definición de mínimos (que ao mellor non son tan mínimos): un medio cunha liña editorial democrática, galeguista e progresista sería o meu medio.  

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio? 

Creo que non hai outra que situar o novo medio como un nodo máis da conversa cidadá que se produce nas redes sociais. O novo medio debe ser un activador das redes sociais e a blogoesfera. O novo medio pode facilitar a compactación e a suma de audiencias diseminadas. Só molestan as moitas voces se non queres dialogar con elas e o novo medio debe animar a conversa cidadá e non substituíla.

Publicado en Sen clasificar | Etiquetado , , , | Comentarios desactivados en Manuel Barreiro opina sobre os medios de comunicación galegos

Opinións de Francisco Fernández Rei sobre os medios de comunicación galegos

Francisco Fernández Rei é catedrático de Románicas e vicesecretario da Real Academia Galega.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales
serían os seus trazos?

Co que leva chovido e ventado desde o pasado verán, que levou por diante
publicacións de ámbito nacional galego (Vieiros, A Nosa Terra impresa…) e de ámbito
comarcal (A Peneira), o que cómpre hoxe é afortalarmos (mercándoos, subscribíndose,
consultándoos na rede…) medios diarios como Galicia Hoxe ou Xornal de Galicia,
mensuais como Tempos Novos, revistas trimestrais como A Trabe de Ouro ou Grial… e
ser siareiros de espazos na rede que seguen a informar en galego e desde Galicia do que
pasa no mundo (A Nosa Terra, Galicia confidencial…). Temos que consolidar un eido
comunicacional galego (e en galego, polo menos maioritariamente en lingua galega).
Á parte disto, creo que é necesario a existencia en Galicia dun xornal crítico,
totalmente apartidario (non apolítico, obviamente), dirixido á esquerda (á nacionalista e,
á non nacionalista) e de xeito especial á moita xente que hoxe que cre ben pouco na
política que fan o PP, o PSOE e mesmo o actual BNG, xente que non se sente
representada por eles no actual Parlamento nin tampouco na abouxadora información
política diaria centrada basicamente nesas tres formacións políticas.
Ese xornal tería que ser monolingüe galego, e á vista da situación actual
posiblemente a alternativa sería diario dixital, se cadra un novo Vieiros, adaptado á
situación deste momento e corrixindo as eivas que o levaron á desaparición, e con máis
medios para facer o Vieiros que seguramente soñaron os seus editores e traballadores.
Se ese xornal é crítico, serio, plural e apartidario, se fai moito máis que dar información
de axencias e de gabinetes de prensa, se combina información con investigación creo
que o éxito está asegurado; e aínda que estea en galego, ningunha persoa progresista
castelan falante deixaría de lelo, porque en Galicia practicamente todo o mundo ten
coñecemento pasivo do galego. Alá polo ano 92 ou 93, asistira a un acto en Occitania
onde o director do xornal El Pont de Girona comentaba que acababan de abrir unha
delegación dese diario en catalán en Perpiñán, na Cataluña francesa, e que a xente que
falaba francés (e non catalán) o mercaba, porque lles ofrecían información que non lles
daba a prensa francesa. E en relación con isto, pero no ámbito do ensino, hai anos
organizamos unhas xornadas sobre a situación do occitano na Universidade de Santiago
e entre os invitados viñeran falar unha parella de ensinantes das Calandretas
(as “galescolas” occitanas, pero antes de nós termos galescolas) e contaran que fixeran
unha enquisa entre os pais, todos eles de cidades do sur de Francia, para saber os
motivos de mandaren os seus fillos ás Calandretas, e o primeiro era que esas escolas de
ensino en occitano (e francés) tiñan un plus que os pais non vían nas escolas en francés
(e téñase en conta que a escola en Francia desde finais do XIX é obrigatoria e laica) e a
terceira motivación era aprender occitano.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos
dependentens de subvencións e publicidade?

Só con subscrición non vive un xornal, pero sen dúbida ter un bo quiñón de
subscritores permítelle a un medio ir a unha empresa e dicirlle “teño tantos miles de
persoas que me len diariamente”, o que é un aval para acadar publicidade. O ideal é
non depender de subvencións; se es crítico e apartidario, non chas van dar. Coñezo

ben o caso da revista trimestral A Trabe de Ouro, en todo o período de Fraga a
Xunta non mercou un só número para enviar a bibliotecas nin deu nunca ningún
anuncio. E a revista aí está, despois de 22 anos, mercé ó total apoio da editorial
Sotelo Blanco e tamén ó feito de que nunca ningún autor nin ninguén do consello de
redacción cobrou nada por nada. Ben sei que outros medios tamén existen mercé á
xenerosidade de moita xente, pero falo do que coñezo.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou baste cun xornalismo que
informe de xeito xeral?
As dúas cousas son totalmente necesarias. Eu quero ler algo máis que información,
que moitas veces vexo que é a mesma cando leo varios xornais, e especialmente
moita información de ámbito local. E necesito que se me debullen noticias a cargo
de especialistas que falan para a xente que somos ignorantes no tema (e nisto estou
pensando, por ex., nos excelentes artigos de Xavier Vence en Xormal de Galicia, desde
hai meses, sobre a problemática das caixas e a bancarización)

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio
teña unha liña ideolóxica marcada?
Se queres ter credibilidade e éxito, é imprescindible a pluralidade, porque a sociedade
galega actual é plural, e cada vez máis. A ideoloxía é necesaria, ten que haber un norte.
No xornal que eu digo sería unha ideoloxía progresista e de esquerda (nacionalista e non
nacionalista, fundamentalmente).

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?
Son unha boa fonte, e se teñen éxito certos blogues é porque un ve comentarios,
noticias… que nos medios habituais non están ou pasan case desapercibidas ou fume
de máis. Das redes sociais só teño un coñecemento indirecto, porque non estou, de
momento, en ningunha delas e creo que tardarei en estar, non porque non sinta a
tentación, é xa que invisto moitas horas diarias lendo prensa impresa e dixital, lendo e
contestando correos por motivos académicos… e síntoo porque teño auténticos amigos
que me invitan, mais nin lles contesto. Porén, pola miña experiencia de anos na rolda
Lista Republicana das Redes Escarlata e da recente ProLingua de cando en vez vexo
con moito agrado que información de primeira man que escarlatas e prolingüeiros poñen
nesas roldas, ó outro día aparecen nalgún xornal, ás veces en varios. Quere dicir que
os xornalistas teñen os seus radares postos nas roldas e nas redes sociais porque teñen
información de primeira man, e fiable, se non non a collerían.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?
O que lin de Wikeleaks foi no xornal El País, non na súa web. A medida que ía
saíndo tanta información eu preguntábame quen lla filtraba e por que, logo xa vin que
responsable seica era un soldado con acceso a información privilexiada, aínda así hai
cousas que non me cadran moito. Contrólano todo, ou quéreno controlar todo, aínda
que sempre hai fírgoas por onde entran raioliñas de sol, e Wikealeks foi unha delas.
Con todo, está claro que os estadounidenses non quedan tan mal, moito do que se di xa
se sabía ou era intuíble e como alguén dixo queda claro que teñen unha boa e eficaz e
completa rede de información.
O caso Wikealeaks creo que axuda a prestixiar o xornalismo de investigación, tan

necesario, nestes momentos de tanto ruído informativo e ocultación de tantas cousas e
filtración interesada de moitas outras.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
conveniente outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante
os acontecementos máis sosegado?
O xornalismo é inmediatez, e sobre todo agora que todo ocorre a velocidade de vértigo;
pero mesmo na inmediatez, cómpre que o xornalista reflexione, que sempre contraste as
fontes, porque a credibilidade custa moito gañala, pero pode perderse axiña.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?
Contaren coa maior obxectividade posible o que ocorre, sempre con veracidade. Que
se vexa claro o que é información e opinión, e sobre todo que se separe información de
publicidade disfrazada.

Publicado en Sen clasificar | Etiquetado , , , , | 2 Comentarios

Os medios de comunicación galegos segundo Antón Fernández Escuredo

Antón Fernández Escuredo é ex-redactor xefe e ex-subdirector d´A Peneira.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os
seus trazos?

Se falamos de medios de comunicación en galego, cunha visión independente e
progresista ademais dun pensamento crítico e coa ollada posta nun país, o noso, tan
colonizado en moitos aspectos, penso que non só precisa un senón moitos. A actual
situación de afundimento mediático galego, consecuencia tanto da reducida “militancia”
social como do pouco interese das institucións, públicas e privadas, deixanos fóra
dos espazos de opinión propios que si teñen outros pobos. A realidade é a que é: non
estamos nos anos 80 cando o apoio económico cidadán foi importante, nin contamos
agora coa aportación de ningún grupo empresarial que defenda a normalización do
idioma.
Nesta bitácora pregúntase por un medio de comunicación centrando o debate na
prensa escrita. Eu son máis partidario de multiplicar canles e traballar outros campos
tan ou máis esquecidos aínda como son os da radio e a televisión. A rede sería un
mundo aparte que xa está a dar froitos aínda que polo de agora pouco rentables e
con dificultades para chegar a unha importante parte da poboación. En todo caso o
funcionamento con éxito dun proxecto empresarial autóctono tería que ter en conta
experiencias anteriores. Nun territorio abondo disperso a información local é prioritaria
e a participación social imprescindíbel. O lector procura novas de actualidade pero
tamén de proximidade.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de
subvencións e publicidade?

Un dos temas máis recurrentes das reunións de AME (Asociación de Medios Escritos
en Galego) dende a súa fundación en 2004 foi o debate entre a dependencia ou non
das subvencións. O modelo actual funciona contando con subvencións e publicidade.
Ningún medio de comunicación galego de masas (e atreveríame a dicir que de todo
o Estado español) podería subsistir sen contar coas subvencións. Certo é que temos
moitos exemplos que contradín esta afirmación pero mália o seu esforzo non conseguen
superar certo teito que os sinale como seria competencia das grandes empresas
mediáticas. Non é un invento da dereita. A esquerda non se plantexou mudar este
sistema e aí están os datos que aportou unha reportaxe publicada por Tempos Novos
(nº 134, novembro 2008) na que sinalaba que o goberno da Xunta repartiu en tres
anos 52,1 millóns de euros. Co cambio en San Caetano a liña segue polo camiño
da concentración de medios e eliminación dos “minoritarios”. Eis a última nova en
materia de investimentos publicada estes días por Galicia Confidencial onde o goberno
galego destinará 360.000 euros a catro xornais a través dunha campaña publicitaria da
Consellería de Facenda.
A publicidade podería, dalgún xeito, aportar elementos positivos. Pensemos que non
toda aportación privada é mala nin pretende coaccionar a información do medio. Certo é
que as grandes empresas (alleas ao galego e defensoras aínda do castelán como idioma
de poder) non apostarán nunca por un medio autóctono. Por iso cómpre máis ca nunca
botar man daquelas que si teñen os dous pés na terra e non só o peto recadatorio.
En suscricións habería que crer, outra vez máis, na capacidade individual galega nun
proxecto colectivo. Como dixen antes agora a militancia é máis ben reducida. Cantos
de nós levamos a diante unha defensa coherente do idioma e mercamos produtos etiquetados en galego (leite, viño, queixo, …) ou entramos nun establecemento hosteleiro que respecte o idioma?

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe
de xeito xeral?

Un xornalismo de investigación garante unha boa hixiene democrática. Un xornalismo
só de información mantén narcotizado ao lector. De todos os xeitos é moi positivo
que ámbolos dous coincidan nun mesmo proxecto. Un medio de comunicación só con
traballos de investigación tería máis dificultades de chegar ao grande público e non
están os tempos como para crear outro medio minoritario máis.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña
unha liña ideolóxica marcada?

Penso que un mesmo proxecto editorial pode manter unha pluralidade ideolóxica
pero sempre dentro dunhas coherencias de achegamento. Explícome. Agora mesmo
conviven en Galiza medios cunha tendencia dependente ou dominante, segundo os
casos, do goberno de turno. Nalgún deles conviven certas ideoloxias, do mesmo xeito
que conviven en gobernos locais. No noso país non hai medios con grandes vendas con
intención de mudar políticas a non ser que éstas sexan rendibeis económicamente para
os seus propios intereses. Por outro lado a ideoloxía única marcada en Galiza nunca
chegou a funcionar e ben podemos ver como remataron os proxectos que tentaron seguir
ese camiño.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?

O minifundismo informativo é positivo sempre que non se deixe de lado o apoio ao
medio “tradicional”. Lembro casos de lectores que non mercaban prensa en galego
porque xa estaba a rede para saber o que pasaba. Por outro lado o Citizen Journalism
ou Xornalismo Cidadán pode favorecer a información sen censuras e será unha saída
que controle ás grandes empresas mediáticas cando a sociedade teña acceso en grande
medida a ela. Non é o caso galego polo de agora.

Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

O traballo que realizamos os xornalistas non mudou moito co tempo pero si as
posibilidades de acceso a información. Calquera funcionario “ben intencionado”
ou traballador “eticamente comprometido” pode pasar de ter acceso restrinxido a
unha información confidencial denunciábel a transmitir ésta de xeito anónimo e con
repercusións importantes. No noso país non é moi habitual esta prática ou polos menos
as empresas de comunicación non empregan esta información. As súas razóns terán.
Para que a sociedade esixa denuncia teñen que existir eses medios. O meu optimismo
vai a carón dos tempos neste aspecto. Temos exemplos que sinalan que o pobo quere
saber a verdade do que acontece mais tamén outros nos que o interese ten máis que ver
coa prensa rosa que con novas que si lle afectan directamente.

6. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
convinte outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os
acontecementos máis sosegado?

Ambos son necesarios nunha mesma publicación. Temos o titular rápido froito da
competencia por ser os primeiros moi común no xornalismo mais tamén a posibilidade
de presentar un tema de xeito máis sosegado. Eu sempre botei en falta un suplemento
dominical galego.

7. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Para a realización dun traballo cómpre ter unha base. Penso que non por ter un
título estás capacitado para exercer unha profesión. Pola contra cómpre dedicación
e profesionalización como en calquera outro sector. Só temos que ollar outras
sociedades máis adiantadas e ver como funcionan. Hoxe hai moita difusión pero pouca
organización. Lembro que hai uns anos, non mudou moito a situación coido, non habia
canles de comunicación entre os diferentes puntos do país. Por iso moitos galegos no
exterior sabían o que acontecía en puntos diferentes do país cando aqui só tíñamos
constancia do que pasaba no noso entorno máis inmediato. A función, daquela, dos
xornalistas é a de transmitir esta información mais contando co contexto no que se
produce.

Publicado en Sen clasificar | Etiquetado , , , , | Comentarios desactivados en Os medios de comunicación galegos segundo Antón Fernández Escuredo