Manifesto do Día das Artes Galegas

Dicía Thomas de Quincey, coa ironía que o caracterizaba, que o asasinato debería ser unha das belas artes. Non pretendemos aquí levar a contraria ao inglés, pero si estamos convencidos de que o asasinato cultural dun pobo (mesmo que moitas veces se trate de suicidio) non entra na nosa definición de arte.
Rexeitar o que somos, de onde vimos, éivanos para proxectármonos no futuro. Deshumanízanos para converternos en seres sen lentes de seu, sen pensamento propio, sen capacidade para sermos nin protagonistas nin actores no concerto polifónico da cultura mundial. Esvaécenos nunha homoxeneidade que refugamos por considerala síntoma da defunción da diversidade cultural e da riqueza de mirar no diferente a virtude.
Concibimos o sempre dificilmente delimitable territorio da arte como aquilo que abrangue desde a artesanía até o deseño industrial, recollendo toda expresión artística, sexa cal for. Abrazámolo na súa totalidade e integridade. Por iso facemos a reclamación global do Día das Artes Galegas.
Con esta iniciativa queremos pór en valor o que somos, situar na comunidade a creación que realizamos, identificarnos co gran diálogo público-artista que outorga existencia a toda obra. As letras conformaron o eixo central mais non limitemos a nosa mirada. Recollemos a literatura para situala a carón do gravado, da videocreación ou da moda téxtil. Confiamos na universalidade da nosa produción artística. Non desexamos ocultar nada, antes ben, pretendemos iluminar este grande espazo cultural.
Galicia debe afrontar un reto que foxe de posicións derrotistas. Somos conscientes das dificultades que se advirten no presente e no mañá. Facemos unha chamada á cidadanía para que asuma a responsabilidade de nutrir, fomentar, defender e promocionar a cultura galega. Malia todas as eivas, está nas nosas mans superar vellas anomalías e prexuízos inoculados e afirmar a modernidade da arte galega na súa máis extensa definición.
Non é este un lugar para a desesperanza. 
Asinantes:
Aíd (Vigo, 1990)
Abe Rábade (Compostela, 1977)
Manuel Rivas (A Coruña, 1957)
Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975)
Francisco Leiro (Cambados, 1957)
Menchu Lamas (Vigo, 1954)
Luís Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962)
Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971)
Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963)
Andrea Costas (Vigo, 1978)
Uqui Permui (Barallobre, 1964)
Gonzalo Vázquez (Vilaboa, 1983)
Isabel Aguirre (Vilagarcía de Arousa, 1937)
Manuel Caamaño (Noia, 1936)
Esta entrada foi publicada en A Nave das Ideas e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.