Acción Urbano Océano Lugrís

Velaquí o manifesto que A Nave das Ideas e In Nave Civitas sacamos co gallo da homenaxe  a Urbano Lugrís:

Sereas, peixes, fanais, nordés, astrolabios, cartografías, quinqués, mastros, baleas, veleiros, sextantes, salitre, xerfa, escumallos, rosa dos ventos… OCÉANO LUGRÍS!

O mar, o meirande complexo industrial da historia de Galicia, aparafusa dúas urbes. A Coruña e Vigo irmandadas para espallar o berro a prol da cultura. O neocontubernio galaico que pinta nun extenso graffiti pola AP-9 a afirmación eterna de sermos nós, nós sós. Atendede ben, poñede as orellas guichas; os de alí, os da alá, os de aquí e os de acolá: abaixo os localismos! A Coruña, Vigo, a mesma cidade son!

O Atlántico molla os pés desta Atlántida que é a nosa terra. Somos exploradores. Devecemos por descubrir a arte na súa totalidade porque somos pintura, música, deseño, gravado, arquitectura, escultura… porque temos xenio de artistas.

Reclamamos con toda a fachenda a obra e a figura universal que é Urbano Lugrís. Plastificou o mar, os fondos mariños, a area de Rande, das Sisargas, do Berbés e do Orzán. Eternizou o misterio dos soños dos capitáns de galeóns e dos mariñeiros dos pailebotes. Case toda a produción de Lugrís destila salitre, recolle expresións contidas en botellas que vogan polas ondas. Todo Lugrís é un ser xenial que merece un lugar altísimo no parnaso da cultura.

Con Lugrís tamén queremos facer unha denuncia: a literatura galega é imperialista. Invade e ocupa a noción cultura nacional. Converte a produción artística en letras. Fortalece os seus espazos mentres afoga outros. Nosoutros somos xeneticamente antiimperialistas. Rachemos coas fronteiras do Día das Letras Galegas para crearmos o Día da Artes Galegas. Invadamos toda Galicia de arte, convertamos o Día das Artes Galegas na causa da cultura galega.

Non queremos máis Atlántidas; queremos Galicia enteira para nosoutros e para vosoutros. Queremos apreixar as culturas doutros pobos cos pés chantados no noso, sabedores do que temos, valedores da nosa riqueza.

Soldamos nas pranchas metálicas deste enorme pailebote que é Galicia: asolaguemos aldeas, vilas e urbes co océano, fagamos que o vento leve a maré de Urbano Lugrís.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar. Garda a ligazón permanente.