A opinión de Victor Freixanes sobre os medios de comunicación galegos

Tras o interesante debate do pasado venres, e ata que colguemos os vídeos do mesmo, seguimos con algunha que outra opinión escrita arredor dos medios de comunicación galegos. Desta volta a de Victor Freixanes.

1. ¿Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso afirmativo, ¿cales
serían os seus trazos?

A pluralidade é sempre beneficiosa. Se respondemos á pregunta dende o cuantitativo,
atendendo ao número de cabeceiras que existen na actualidade na sociedade galega,
comparándoas con outras comunidades, debo dicir que hai un exceso de oferta. ¡Trece
cabeceiras, a meirande parte delas dicindo o mesmo! Non hai espazo nin mercado para
tantas. As máis delas son empresas familiares, que veñen de atrás e dispoñen coma
quen dun territorio propio conquistado durante décadas, mesmo de cen anos nalgún
caso, e que tenden a repetir o modelo de sempre. Iso fainas tamén menos competitivas,
fracas de recursos, extraordinariamente débiles diante de calquera proposta exterior,
no que se refire sobre todo á calidade do producto informativo. Dende este punto de
vista, sobran cabeceiras. Hai un exceso de oferta no mercado xornalístico galego. Non
obstante, se respondemos á pregunta dende o cualitativo, direi que o galeguismo, o
nacionalismo, por exemplo, a cultura e a lingua galegas seguen sen estar representadas
ou suficientemente representadas, ou non o están como a algúns nos gustaría que
estivesen representadas, que se cadra non é exactamente o mesmo. En principio, este
oco segue sen encher. Outra cousa é que haxa espazo abondo para esta proposta, para
sostela e desenvolvela de xeito atractivo, eficaz, competitivo. As propostas que ata
agora se fixeron, non deron conectado coa realidade social necesaria para facelas
viables.

2. ¿Podemos aspirar a un xornal de subscripcións ou sempre dependeremos das
subvencións e da publicidade?
Un xornal moderno, en calquera sociedade moderna, sostense sobre os lectores
(subcripcións ou non, en calquera caso fidelidades) e sobre o mercado publicitario. Non
hai outra fórmula. As subvencións, que tamén se dan fóra de Galicia, son unha pexa,
unha limitación, porque habitualmente se distribúen con criterios de clientelismo e
dependencia política. A liberdade dun xornal, e de calquera empresa de comunicación,
sostense sobre a fidelidade dos lectores e sobre a súa independencia económica. Sen
autonomía e independencia económica non hai liberdade de expresión, ou está moi
mancada.

3. ¿Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta un xornalismo que
informe de xeito xeral?
Non vexo que sexan incompatibles. Eu inclinaríame por un xornalismo que atendese
ás demandas que sinalei no primeiro punto: o discurso do galeguismo nunha Galicia
moderna, sen complexos, tamén sen sectarismos. Un xornalismo que saiba conectar con
esas propostas.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio
teña unha liña ideolóxica marcada?

A pluralidade é necesaria, diría que esencial a calquera sociedade moderna e
democrática. Mais tamén cabe a pluralidade dentro dunha tendencia, que ten que ser
ampla dabondo como para representar as distintas correntes, intereses, tensións que
actúan no grupo social. Se entendemos “ideoloxía marcada” igual a discurso
programático e partidario diría que non, que iso é unha limitación para o obxectivo que

deberiamos propoñernos: chegar ao conxunto da sociedade. Máis que ideoloxía
marcada eu falaría de corrente ou tendencia.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?

Os blogs e as redes sociais son un espazo máis, dentro da ampla oferta tecnolóxica
que a sociedade da comunicación nos ofrece. Son un territorio da pluralidade, mais
tamén un espazo confuso que demasiadas veces, máis que clarificar, entrapalla todo.
Os medios de comunicación, as cabeceiras identificadas como tales, profesionalizadas,
ben definidas, segundo os principios que apuntamos nas respostas anteriores, deben ser
puntos de referencias para a información fiable e a opinión responsable. Responsable
quere dicir identificable, recoñecible, que cada quen se faga cargo dos seus propios
discursos. O anonimato ou o ocultamento en pseudónimos varios non me parece
admisible.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

O feito de que a filtración de Wikileaks se fixese a través de cabeceiras tradicionais de
referencia denuncia o que apuntabamos na resposta anterior. A público necesita fiarse
de alguén: profesionais ou operadoras que respalden a información que se difunde, non
calquera filtración que chegue a nós, moito menos se vén agochada no anonimato. O
público quere saber quen emite, de onde procede a información que recibe, quen está
detrás da noticia. O xornalismo asina e responsabilízase do que difunde, e o público
agradece saber a identidade das fontes.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
conveniente outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción
ante os acontecementos máis sosegado?
Tampoco son fórmulas incompatibles. Podemos e debemos estar pegados á realidade
e debemos estimular a reflexión, a interpretación dos feitos, para o cal a competencia
dos xornalistas e o rigor dos procedementos é algo fundamental. Atendendo á realidade
galega e á oferta existente, eu avogaría por un xornalismo cualificado, documentado,
apoiado na opinión e no debate, no respecto ás ideas dos outros e á documentación
contrastada dos acontecementos que se difunden. O futuro da prensa (impresa ou
dixital) está aí, complementando a inmediatez e a aceleración doutros medios: a radio, a
televisión, as redes…

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Os xornalistas deben informar. Mais unha información de calidade esixe, ademais,
contrastar os feitos que se narran (as noticias).Cómpre unha información documentala
e contextualizala. A información debe axudar a comprender a realidade, debe explicar
e axudar a interpretar os feitos, deixando que sexan os lectores, coa documentación que
se lle ofrece, quen constrúan libremente a súa opinión, sen adoutrinamentos, o que non é
incompatible coa información de tendencia á que aludia antes. O xornalismo de púlpito
está superado hai tempo. A información é propiedade democrática das audiencias, non

un patrimonio dos xornalistas, nin das empresas informativas. Un xornalismo moderno
debe diferenciar moi ben o que é opinión do que é información, cousa que non sempre
ocurre na actualidade, onde a información ou se converte en espectáculo de consumo
sensacionalista ou en material interesado para a manipulación das audiencias.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.