Manuel Barreiro opina sobre os medios de comunicación galegos

Manuel Barreiro é analista politico en diversos medios de comunicación.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos? 

Galiza é un país de moitas cabeceiras xornalísticas, pero pouca pluralidade informativa. Cómprenlle novos medios. Un modelo que me parece atractivo (e posíbel) é o dun xornal dixital combinado con edicións (sabatinas e dominicais, por exemplo( en papel. Un medio na Rede cunha fiestra aberta ao papel, un híbrido entre xornal e semanario. Un medio comprometido con alianzas colaborativas con outros medios (en papel, radiofónicos, audiovisuais…) críticos, alternativos ou disconformes coa actual orde de cousas. 

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade? 

Os medios deben depender dos seus lectores. Creo na subscrición como unha forma de accionariado popular, trátase de pagar unha subscrición non como pago pola información puntual que recibes na rede, senón como achega á capitalización dun medio que ten unha liña editorial que compartes. Os contidos serán en todo caso abertos, non se paga polos contidos senón para garantir a sustentabilidade do medio. Cada quen debería poder fixar a cota da súa subscrición-acción. Véxolle ademais unha utilidade adicional: verificariamos cantas persoas están dispostas a pasar do estado de necesidade (dun medio) ao estado de compromiso (co medio). Subscrición-acción, publicidade e subvencións tamén, son recursos públicos e o novo medio debería aspirar a acceder a eles. 
 

3.Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe de xeito xeral? 

Para a miña idea, se o que se dexesa é, principalmente, ofrecer novas que compitan cos medios tradicionais, mellor sería pensar en crear unha axencia de noticias alternativas. Non vexo condicións actuais de manter un novo medio que poida competir nese terreo cos medios actuais en papel e as súas edicións dixitais. Creo que o formato do novo medio debe ser máis a reportaxe e a entrevistas en profundidade que as novas, debería traballar dacabalo das tendencias e adiantar información. Só poderá competir se vende antes as noticias: hoxe non hai que facer a edición de mañá, senón a de pasado mañá. Reportaxes de Investigación, editoriais, información de tendencias, opinión e conversa cos lectores son o combinado que me parece máis atractivo para un novo medio. 
 

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada? 

Non vexo outra posibilidade que un medio cunha liña editorial plural. Hai un eixe transversal que me parece necesario salientar: o novo medio debería ser un medio para o cambio político, social e cultural en Galiza. Os xornais son unha comunidade de ideas e información, creo que lle vale cunha definición de mínimos (que ao mellor non son tan mínimos): un medio cunha liña editorial democrática, galeguista e progresista sería o meu medio.  

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio? 

Creo que non hai outra que situar o novo medio como un nodo máis da conversa cidadá que se produce nas redes sociais. O novo medio debe ser un activador das redes sociais e a blogoesfera. O novo medio pode facilitar a compactación e a suma de audiencias diseminadas. Só molestan as moitas voces se non queres dialogar con elas e o novo medio debe animar a conversa cidadá e non substituíla.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.