Opinións de Francisco Fernández Rei sobre os medios de comunicación galegos

Francisco Fernández Rei é catedrático de Románicas e vicesecretario da Real Academia Galega.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales
serían os seus trazos?

Co que leva chovido e ventado desde o pasado verán, que levou por diante
publicacións de ámbito nacional galego (Vieiros, A Nosa Terra impresa…) e de ámbito
comarcal (A Peneira), o que cómpre hoxe é afortalarmos (mercándoos, subscribíndose,
consultándoos na rede…) medios diarios como Galicia Hoxe ou Xornal de Galicia,
mensuais como Tempos Novos, revistas trimestrais como A Trabe de Ouro ou Grial… e
ser siareiros de espazos na rede que seguen a informar en galego e desde Galicia do que
pasa no mundo (A Nosa Terra, Galicia confidencial…). Temos que consolidar un eido
comunicacional galego (e en galego, polo menos maioritariamente en lingua galega).
Á parte disto, creo que é necesario a existencia en Galicia dun xornal crítico,
totalmente apartidario (non apolítico, obviamente), dirixido á esquerda (á nacionalista e,
á non nacionalista) e de xeito especial á moita xente que hoxe que cre ben pouco na
política que fan o PP, o PSOE e mesmo o actual BNG, xente que non se sente
representada por eles no actual Parlamento nin tampouco na abouxadora información
política diaria centrada basicamente nesas tres formacións políticas.
Ese xornal tería que ser monolingüe galego, e á vista da situación actual
posiblemente a alternativa sería diario dixital, se cadra un novo Vieiros, adaptado á
situación deste momento e corrixindo as eivas que o levaron á desaparición, e con máis
medios para facer o Vieiros que seguramente soñaron os seus editores e traballadores.
Se ese xornal é crítico, serio, plural e apartidario, se fai moito máis que dar información
de axencias e de gabinetes de prensa, se combina información con investigación creo
que o éxito está asegurado; e aínda que estea en galego, ningunha persoa progresista
castelan falante deixaría de lelo, porque en Galicia practicamente todo o mundo ten
coñecemento pasivo do galego. Alá polo ano 92 ou 93, asistira a un acto en Occitania
onde o director do xornal El Pont de Girona comentaba que acababan de abrir unha
delegación dese diario en catalán en Perpiñán, na Cataluña francesa, e que a xente que
falaba francés (e non catalán) o mercaba, porque lles ofrecían información que non lles
daba a prensa francesa. E en relación con isto, pero no ámbito do ensino, hai anos
organizamos unhas xornadas sobre a situación do occitano na Universidade de Santiago
e entre os invitados viñeran falar unha parella de ensinantes das Calandretas
(as “galescolas” occitanas, pero antes de nós termos galescolas) e contaran que fixeran
unha enquisa entre os pais, todos eles de cidades do sur de Francia, para saber os
motivos de mandaren os seus fillos ás Calandretas, e o primeiro era que esas escolas de
ensino en occitano (e francés) tiñan un plus que os pais non vían nas escolas en francés
(e téñase en conta que a escola en Francia desde finais do XIX é obrigatoria e laica) e a
terceira motivación era aprender occitano.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos
dependentens de subvencións e publicidade?

Só con subscrición non vive un xornal, pero sen dúbida ter un bo quiñón de
subscritores permítelle a un medio ir a unha empresa e dicirlle “teño tantos miles de
persoas que me len diariamente”, o que é un aval para acadar publicidade. O ideal é
non depender de subvencións; se es crítico e apartidario, non chas van dar. Coñezo

ben o caso da revista trimestral A Trabe de Ouro, en todo o período de Fraga a
Xunta non mercou un só número para enviar a bibliotecas nin deu nunca ningún
anuncio. E a revista aí está, despois de 22 anos, mercé ó total apoio da editorial
Sotelo Blanco e tamén ó feito de que nunca ningún autor nin ninguén do consello de
redacción cobrou nada por nada. Ben sei que outros medios tamén existen mercé á
xenerosidade de moita xente, pero falo do que coñezo.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou baste cun xornalismo que
informe de xeito xeral?
As dúas cousas son totalmente necesarias. Eu quero ler algo máis que información,
que moitas veces vexo que é a mesma cando leo varios xornais, e especialmente
moita información de ámbito local. E necesito que se me debullen noticias a cargo
de especialistas que falan para a xente que somos ignorantes no tema (e nisto estou
pensando, por ex., nos excelentes artigos de Xavier Vence en Xormal de Galicia, desde
hai meses, sobre a problemática das caixas e a bancarización)

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio
teña unha liña ideolóxica marcada?
Se queres ter credibilidade e éxito, é imprescindible a pluralidade, porque a sociedade
galega actual é plural, e cada vez máis. A ideoloxía é necesaria, ten que haber un norte.
No xornal que eu digo sería unha ideoloxía progresista e de esquerda (nacionalista e non
nacionalista, fundamentalmente).

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?
Son unha boa fonte, e se teñen éxito certos blogues é porque un ve comentarios,
noticias… que nos medios habituais non están ou pasan case desapercibidas ou fume
de máis. Das redes sociais só teño un coñecemento indirecto, porque non estou, de
momento, en ningunha delas e creo que tardarei en estar, non porque non sinta a
tentación, é xa que invisto moitas horas diarias lendo prensa impresa e dixital, lendo e
contestando correos por motivos académicos… e síntoo porque teño auténticos amigos
que me invitan, mais nin lles contesto. Porén, pola miña experiencia de anos na rolda
Lista Republicana das Redes Escarlata e da recente ProLingua de cando en vez vexo
con moito agrado que información de primeira man que escarlatas e prolingüeiros poñen
nesas roldas, ó outro día aparecen nalgún xornal, ás veces en varios. Quere dicir que
os xornalistas teñen os seus radares postos nas roldas e nas redes sociais porque teñen
información de primeira man, e fiable, se non non a collerían.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?
O que lin de Wikeleaks foi no xornal El País, non na súa web. A medida que ía
saíndo tanta información eu preguntábame quen lla filtraba e por que, logo xa vin que
responsable seica era un soldado con acceso a información privilexiada, aínda así hai
cousas que non me cadran moito. Contrólano todo, ou quéreno controlar todo, aínda
que sempre hai fírgoas por onde entran raioliñas de sol, e Wikealeks foi unha delas.
Con todo, está claro que os estadounidenses non quedan tan mal, moito do que se di xa
se sabía ou era intuíble e como alguén dixo queda claro que teñen unha boa e eficaz e
completa rede de información.
O caso Wikealeaks creo que axuda a prestixiar o xornalismo de investigación, tan

necesario, nestes momentos de tanto ruído informativo e ocultación de tantas cousas e
filtración interesada de moitas outras.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
conveniente outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante
os acontecementos máis sosegado?
O xornalismo é inmediatez, e sobre todo agora que todo ocorre a velocidade de vértigo;
pero mesmo na inmediatez, cómpre que o xornalista reflexione, que sempre contraste as
fontes, porque a credibilidade custa moito gañala, pero pode perderse axiña.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?
Contaren coa maior obxectividade posible o que ocorre, sempre con veracidade. Que
se vexa claro o que é información e opinión, e sobre todo que se separe información de
publicidade disfrazada.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Opinións de Francisco Fernández Rei sobre os medios de comunicación galegos

  1. Sillao di:

    Parabéns pola entrevista!! Dá gusto ler cousas así.

  2. Pingback: ferradura en tránsito » boavinda á nave das ideas

Os comentarios están pechados.