Os medios de comunicación galegos segundo Antón Fernández Escuredo

Antón Fernández Escuredo é ex-redactor xefe e ex-subdirector d´A Peneira.

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os
seus trazos?

Se falamos de medios de comunicación en galego, cunha visión independente e
progresista ademais dun pensamento crítico e coa ollada posta nun país, o noso, tan
colonizado en moitos aspectos, penso que non só precisa un senón moitos. A actual
situación de afundimento mediático galego, consecuencia tanto da reducida “militancia”
social como do pouco interese das institucións, públicas e privadas, deixanos fóra
dos espazos de opinión propios que si teñen outros pobos. A realidade é a que é: non
estamos nos anos 80 cando o apoio económico cidadán foi importante, nin contamos
agora coa aportación de ningún grupo empresarial que defenda a normalización do
idioma.
Nesta bitácora pregúntase por un medio de comunicación centrando o debate na
prensa escrita. Eu son máis partidario de multiplicar canles e traballar outros campos
tan ou máis esquecidos aínda como son os da radio e a televisión. A rede sería un
mundo aparte que xa está a dar froitos aínda que polo de agora pouco rentables e
con dificultades para chegar a unha importante parte da poboación. En todo caso o
funcionamento con éxito dun proxecto empresarial autóctono tería que ter en conta
experiencias anteriores. Nun territorio abondo disperso a información local é prioritaria
e a participación social imprescindíbel. O lector procura novas de actualidade pero
tamén de proximidade.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de
subvencións e publicidade?

Un dos temas máis recurrentes das reunións de AME (Asociación de Medios Escritos
en Galego) dende a súa fundación en 2004 foi o debate entre a dependencia ou non
das subvencións. O modelo actual funciona contando con subvencións e publicidade.
Ningún medio de comunicación galego de masas (e atreveríame a dicir que de todo
o Estado español) podería subsistir sen contar coas subvencións. Certo é que temos
moitos exemplos que contradín esta afirmación pero mália o seu esforzo non conseguen
superar certo teito que os sinale como seria competencia das grandes empresas
mediáticas. Non é un invento da dereita. A esquerda non se plantexou mudar este
sistema e aí están os datos que aportou unha reportaxe publicada por Tempos Novos
(nº 134, novembro 2008) na que sinalaba que o goberno da Xunta repartiu en tres
anos 52,1 millóns de euros. Co cambio en San Caetano a liña segue polo camiño
da concentración de medios e eliminación dos “minoritarios”. Eis a última nova en
materia de investimentos publicada estes días por Galicia Confidencial onde o goberno
galego destinará 360.000 euros a catro xornais a través dunha campaña publicitaria da
Consellería de Facenda.
A publicidade podería, dalgún xeito, aportar elementos positivos. Pensemos que non
toda aportación privada é mala nin pretende coaccionar a información do medio. Certo é
que as grandes empresas (alleas ao galego e defensoras aínda do castelán como idioma
de poder) non apostarán nunca por un medio autóctono. Por iso cómpre máis ca nunca
botar man daquelas que si teñen os dous pés na terra e non só o peto recadatorio.
En suscricións habería que crer, outra vez máis, na capacidade individual galega nun
proxecto colectivo. Como dixen antes agora a militancia é máis ben reducida. Cantos
de nós levamos a diante unha defensa coherente do idioma e mercamos produtos etiquetados en galego (leite, viño, queixo, …) ou entramos nun establecemento hosteleiro que respecte o idioma?

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe
de xeito xeral?

Un xornalismo de investigación garante unha boa hixiene democrática. Un xornalismo
só de información mantén narcotizado ao lector. De todos os xeitos é moi positivo
que ámbolos dous coincidan nun mesmo proxecto. Un medio de comunicación só con
traballos de investigación tería máis dificultades de chegar ao grande público e non
están os tempos como para crear outro medio minoritario máis.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña
unha liña ideolóxica marcada?

Penso que un mesmo proxecto editorial pode manter unha pluralidade ideolóxica
pero sempre dentro dunhas coherencias de achegamento. Explícome. Agora mesmo
conviven en Galiza medios cunha tendencia dependente ou dominante, segundo os
casos, do goberno de turno. Nalgún deles conviven certas ideoloxias, do mesmo xeito
que conviven en gobernos locais. No noso país non hai medios con grandes vendas con
intención de mudar políticas a non ser que éstas sexan rendibeis económicamente para
os seus propios intereses. Por outro lado a ideoloxía única marcada en Galiza nunca
chegou a funcionar e ben podemos ver como remataron os proxectos que tentaron seguir
ese camiño.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os
esforzos para acadar un novo medio?

O minifundismo informativo é positivo sempre que non se deixe de lado o apoio ao
medio “tradicional”. Lembro casos de lectores que non mercaban prensa en galego
porque xa estaba a rede para saber o que pasaba. Por outro lado o Citizen Journalism
ou Xornalismo Cidadán pode favorecer a información sen censuras e será unha saída
que controle ás grandes empresas mediáticas cando a sociedade teña acceso en grande
medida a ela. Non é o caso galego polo de agora.

Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os
gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado?
Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

O traballo que realizamos os xornalistas non mudou moito co tempo pero si as
posibilidades de acceso a información. Calquera funcionario “ben intencionado”
ou traballador “eticamente comprometido” pode pasar de ter acceso restrinxido a
unha información confidencial denunciábel a transmitir ésta de xeito anónimo e con
repercusións importantes. No noso país non é moi habitual esta prática ou polos menos
as empresas de comunicación non empregan esta información. As súas razóns terán.
Para que a sociedade esixa denuncia teñen que existir eses medios. O meu optimismo
vai a carón dos tempos neste aspecto. Temos exemplos que sinalan que o pobo quere
saber a verdade do que acontece mais tamén outros nos que o interese ten máis que ver
coa prensa rosa que con novas que si lle afectan directamente.

6. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis
convinte outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os
acontecementos máis sosegado?

Ambos son necesarios nunha mesma publicación. Temos o titular rápido froito da
competencia por ser os primeiros moi común no xornalismo mais tamén a posibilidade
de presentar un tema de xeito máis sosegado. Eu sempre botei en falta un suplemento
dominical galego.

7. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información
cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Para a realización dun traballo cómpre ter unha base. Penso que non por ter un
título estás capacitado para exercer unha profesión. Pola contra cómpre dedicación
e profesionalización como en calquera outro sector. Só temos que ollar outras
sociedades máis adiantadas e ver como funcionan. Hoxe hai moita difusión pero pouca
organización. Lembro que hai uns anos, non mudou moito a situación coido, non habia
canles de comunicación entre os diferentes puntos do país. Por iso moitos galegos no
exterior sabían o que acontecía en puntos diferentes do país cando aqui só tíñamos
constancia do que pasaba no noso entorno máis inmediato. A función, daquela, dos
xornalistas é a de transmitir esta información mais contando co contexto no que se
produce.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.