“Un novo xornal?” Reflexión en profundidade de Carlos Neira sobre os medios de comunicación galegos

Carlos Neira é analista/consultor. Velaquí as súas opinións:

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Medio de comunicación ou empresa de comunicación? Existe unha necesidade? Quen a sente? Que entendemos por Galicia? A resposta a esta pregunta ten que ser, por forza, longa e demorada.

Do meu punto de vista Galicia non precisa un novo medio de comunicación. Dito o cal, recoñezo que existen colectivos -minoritarios- da poboación galega que senten -por enteiro- e transmiten -só en parte- a necesidade -máis política que outra cousa-, dunha empresa -que non dun medio- de difusión e influencia -antes que de información e comunicación-, e esta empresa sería editora dun xornal -antes que de calquera outro medio de comunicación.

Sería necesario facer moitos máis matices a esta afirmación. En concreto voume centrar en tres: natureza política, forma de financiamento, e lingua de comunicación.

a) Natureza política

O carácter netamente político do debate e das propostas sobre novos medios, presenta un primeiro problema de compatibilización, coordinación ou unidade da pluralidade de minorías políticas, ideolóxicas ou partidarias, de superación do minifundismo a ultranza para, establecendo unhas bases firmes nas que asentar a pluralidade, acadar unha certa masa crítica máis que necesaria para ter éxito nas dimensións reducidas do noso mercado.

Na miña opinión a historia política recente do país demostra claramente a dificultade deste reto, dificultade que na actualidade tórnase imposibilidade manifesta. No seu momento diferentes circunstancias provocaron unha certa unidade de acción, primeiro no nacionalismo político e máis tarde no conxunto da esquerda. Adianto que a pluralidade á que eu aspiro, e a que considero imprescindíbel en termos de viabilidade para calquera novo proxecto de comunicación, debe acadar a amplitude dunha ‘fronte popular’ e superar a da ‘fronte de liberación nacional’, e que non concibo que o centro ou o centro-dereita galeguista precise dun medio comunicación, e coido condenado ao fracaso calquera intento neste sentido.

Mais en certo xeito o espazo político, ideolóxico e partidario, que inspiraría este novo medio está aínda por construír en Galicia. Sen dúbida este espazo existe no que poderíamos chamar ‘galeguismo de esquerdas’, nunhas coordenadas críticas tanto coas forzas políticas tradicionais -partidos- en xeral como cunha esquerda sucursulista -PSdeG-PSOE- ou cunha ideoloxía dogmática -IU, UPG e demais forzas políticas galegas á esquerda do espectro ideolóxico. O problema deste espazo político que é central e hexemónico no conxunto da esquerda galega, e maioritario na dimensión identitaria/territorial, é que non se materializa nunha forza política -ao estilo dun PSC-, e a estrutura do sistema partidario galego condigurado neste contorno polo tándem das dúas forzas progresistas con representación parlamentaria -PSdeG e BNG- amósase incapaz de cubrilo. A historia recente déixanos mostras de imposibilidade tanto no plano político -Xunta bipartita- canto no plano mediático -A Nosa Terra/Xornal.

É por este feito que non dubido en afirmar que a creación dun novo medio, sempre que se faga desde unha concepción de necesidade política, como vén sendo o caso, pasa polo entendemento ou confluencia entre estas dúas forzas -cousa que considero pero que moi difícil- ou senón pola reestruturación do sistema de partidos coa irrupción dunha nova forza ou dunha forza agora marxinal -como parece máis probábel-, de xeito que o electorado mude a actual composición de dous partidos e medio -sendo dous o PP e o PSOE e o medio o BNG- cara outra de dous -PSOE recuperado da presente crise e BNG abducido definitivamente pola UPG- ou de tres -cun PSOE máis españolizado e centrado e un BNG refundado tras mudar/actualizar os seus principios e o seu programa ideolóxicos, que ese e non outro é o seu problemana actualidade, aínda que isto antóllaseme imposíbel.

En calquera destes escenarios hipotéticos, do que non me cabe dúbida é de que determinadas minorías que hoxe lideran o sentimento de necesidade dun novo medio deberían ficar excluídas deste espazo ideolóxico, ben porque non concordan con el ben -e isto é importante- ou ben porque para este espazo lograrse precisa definirse por oposición aos actuais actores e idearios políticos. Sendo isto así, algunhas destas minorías terían abondo cos seus voceiros particulares, de natureza marcadamente interna e de alcance limitado, desconectados en xeral do ‘mainstreaming’ da sociedade, quer por unha concepción política teórica ou mesmo dogmática, nuns casos, quer por prexuízos sociais tan amplamente estendidos como erroneamente combatidos, noutros. Na miña cabeza está a idea de que calquera proxecto de novo medio ten que partir da construción dunha nova minoría, maioritaria na esquerda, pero na que probablemente unha parte destas minorías preexistentes non tería cabida ou acomodo.

Aínda que era a miña intención ilustrar estas reflexións con algúns datos, a falta de tempo obrígame só a apuntar algúns exercicios que, imaxino, nalgún momento terán sido feitos nas facultades de xornalismo e ciencias políticas do noso páis.

Centrándome no caso dos xornais, se contabilizamos as cabeceiras existentes en Galicia e as súas tiraxes e difusións, e as agrupamos por cabeceiras progresistas e conservadoras -incluíndo nestas as que X.M. Pereiro denomina ‘progubernamentais’ ou sen liña editorial definida-, ou entre as de ámbito local e galego, ou entre as propias e as alleas -propiedade de grupos de comunicación con centro de decisión fóra de Galicia- observaremos, creo eu, que non hai tanto desequilibrio na oferta como parecería a simple vista. Se comparamos a porcentaxe de cabeceiras/tiraxe/difusión de medios progresistas en España coa realidade galega non hai tanto espazo para un xornal progresista como podería parecer -El País, Público, en certa medida Xornal e unha miríade de pequenos medios dixitais. Se nos comparamos con outras nacionalidades históricas onde hai cabeceiras propias de ámbito ‘rexional’ e non exclusivamente ‘local’, a cota de mercado destes medios ‘nacionais’ é pequena e limitada, e xa que hoxe por hoxe Galicia non alcanza o 50% de conciencia identitaria deses outros territorios -por apuntar unha cifra- a cota correspondente para un xornal ‘en clave galega’ é aquí aínda menor. Cabe facer outra comparación en termos de lingua ou idioma, pero déixoa para o último apartado.

b) O financiamento

Ademais das diferentes concepcións do trasfondo político do novo medio e da cuestión da pluralidade, cómpre apuntar outra bifurcación no debate: a forma de financiamento. Existe unha tendencia certa a concibir este novo medio como empresa creada baixo o financiamento dun poder económico preexistente, idea que é de aplicación mesmo a parte daqueles que apostan por que este novo medio se cree desde abaixo -mediante a interacción bidireccional e a participación horizontal e distribuída, combinando profesionais e colaboradores remunerados-. A constatación de que un medio dunha certa dimensión só se sostén financeiramente con base a intereses e beneficios alleos ao mundo do xornalismo, e a evidencia da precariedade -ou directamente do paro- en que sobreviven moitos xornalistas na actual situación económica contribúen para que esta percepción sexa case xeral.

Así en canto ao financiamento temos tres opcións básicas posibles: o modelo Xornal-A Nosa Terra/Vieiros baixo o ‘mecenazgo’ ou ‘dumping’ dunha empresa de tamaño grande ou pequeno -independentemente do tamaño o financiamento é da mesma natureza-, a do medio sufragado maiormente por achegas ao capital e subscricións no que denominaríamos modelo Tempos Novos/Edicións de Referencia -e no que a publicidade non podería considerarse un input fundamental, moito menos nun principio-, e a dun medio non profesional que cando menos nos seus inicios sería puramente colaborativo ou modelo Blogaliza/Chuza!. Como pode apreciarse, para denominar cada opción escollín como mínimo dous exemplos de medios, cando menos un que perviviu e outro que non, con ánimo de visualizar de que o éxito ou fracaso do novo medio non depende centralmente, creo eu, do seu xeito de financiamento.

Dun lado, se atendemos á rendibilidade económica sen lugar a dúbidas as iniciativas sen dumping son as que se sosteñen en maior medida polos seus propios medios e con base no seu bo facer: coñecen de primeira man o que son as condicións do mercado e a continua esixencia de competitividade e calidade, e eventualmente de traballo comercial, para seguir tirando. Doutro lado, se atendemos á realidade de que mesmo a maior parte destes medios dependen nalgunha medida das subvencións institucionais ou da publicidade institucional/partidaria -cun certo nivel variábel de compromiso ideolóxico/filosófico-, a conclusión á que chego é que o mercado galego da comunicación -e dos xornais en concreto- está inchado na súa dimensión e distorsionado nas súas regras de funcionamento. De non existir este apoio/interese institucional-político dito mercado sería moito máis cativo, e as posibilidades de traballar ou de proliferaren novos medios máis cativas aínda.

Isto lévame a afirmar que a única vía posíbel para a creación dun novo medio, sen risco de perdas ou quebranto económico, e sen que iso sexa garantía de éxito, pasa pola forma dun medio non profesional, dixital, que moi pouco a pouco fora consolidándose, sumando tras o momento inicial e progresivamente subscritores e algo de publicidade. Ademais, malia a que politicamente creo que debera responder ás coordenadas que antes comentei, non debera esquecera nunca que para converterse nun medio de referencia a porcentaxe de información política debería ser máis reducida do que existe e existiu en iniciativas que todos temos en mente. Mesmo debera ser un valor desexábel unha certa dose de critica constante a reforma ou transformación dos partidos políticos, dos lobbies da comunicación e das relacións que se establecen entrambos.

c) Lingua de comunicación

Un dos maiores desequilibrios que existe no espazo da comunicación en Galicia está no idioma. En Galicia, como espazo bilingüe de comunicación, non existe correspondencia entre o uso idiomático e a presenza das dúas linguas nos medios. Porén este desequilibrio i) non é tan grande como podería parecer, ii) non se percibe de forma xeral como unha necesidade, senón que constitúe un fenómeno de desexabilidade social que só nunha pequena parte é unha demanda sentida e firmemente expresada; e iii) se ben grande parte da poboación vería con bos ollos o aumento da cota de galego nos medios, o certo é que a maior parte destas persoas non son consumidores nin moito menos compradores de ditos medios.

Malia a que a realidade do uso do galego e do castelán amosa porcentaxes próximas 50/50, as cifras agochan os aspectos cualitativos do debate e a realidade do consumo do uso de información nun e noutro idioma é ben diferente. En termos xerais a porcentaxe de consumo de medios en galego debe rondar o 15-25%, cota que xa se cubre de forma aproximada na televisión con dúas canles públicas, e na radio con tres canles públicas autonómicas -dúas músicais- e a rede de emisoras municipais -con diferenza os medios máis galeguizados-. A mesma porcentaxe coincide grosso modo coa proporción de contidos xerados de forma espontánea na internet desde Galicia e en lingua galega -son cifras vellas que estimei no seu día sobre o universo de blogs. Con todo, hai que ter en conta que non se trata do mesmo 20% en todos os casos, pois a penetración e a audiencia destes medios é diferente e só parcialmente coincidente.

Distinto caso é o dos medios escritos, nomeadamente a da prensa xeneralista diaria, por teren un público distinto, tanto no territorial -máis urbanizado- canto na condición socioeconómica dos seus compradores e subscritores -dimensións máis importante que a do número de lectores. Se consideramos quen e onde se compra ou se le un xornal, a miña impresión, contrastada parcialmente con datos de tiraxe e difusión e comparada con outros territorios, é que as audiencias totais e o número de cabeceiras que hai en Galicia se aproximan bastante ás condicións obxectivas do mercado -habería que desenvolver un estado máis fondo e exhaustivo para confirmar esta percepción. Como único factor de desaxuste sinalaría a atomización ou localismo da maior parte das cabeceiras, o que abriría o mercado á perspectiva dun maior peso dos medios de ámbito galego no futuro. Mais neste terreo, o ámbito informativo central das cabeceiras actuais son un reflexo da realidade existente.

Tan só en canto á porcentaxe de noticias en galego existe un déficit de cobertura, por así chamalo, déficit que cómpre entender á luz de que unha boa parte dos lectores non saben nin queren ler en galego, é dicir, son refractarios ao idioma galego, en tanto outro público máis galeguizado ou mesmo galegofalante admite e le sen problemas contidos en castelán. E precisamente aquel sector con maior animadversión polo galego é ao que pertencen aqueles que detentan o poder e control da inmensa maioría dos xornais, e constitúen precisamente os referentes aspiracionais de medre social da maior parte do público dos medios que dirixen.

a, b) e c) son para min todos eles aspectos centrais do debate, e da súa análise e da interpretación correcta ou errada da realidade social, económica e política de Galicia, dependen unhas expectativas de continuidade ou un máis ou menos lento pero inexorábel camiño ao fracaso. Ou, no mellor dos casos, a unha dimensión e unha presenza mínimas e testemuñais que non mudarían susbtancialmente o panorama mediático de Galicia.

Habería outras variantes adicionais que se poderían abordar aquí, como sería a participación de medios e empresas de fóra de Galicia no lanzamento deste novo medio, ou, visto de xeito complementario, a conversión deste novo medio nunha edición ou suplemento dun medio preexistente de ámbito estatal. Non vou comentar nada sobre este punto porque descoñezo as intencións de medios como Público e porque, na miña concepción do posíbel e do desexábel, o que se precisaría en todo caso é un medio galego, non unha sucursal, nin sequera un medio confederado, en parte por tentar configurar un espazo propio de comunicación dentro dunha tendencia crecente á ‘desnacionalización’ do mesmo.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentens de subvencións e publicidade?

En parte xa respondín a esta pregunta no punto 1b anterior.

Remarcada a idea de que o novo ou novos medios teñen na rede o seu ámbito natural de xurdimento e expansión, a pregunta sobre a forma de financiamento dun xornal é puramente aspiracional. Pódese aspirar a ter calquera forma de financiamento, subsidios incluídos. É máis, eu recomendaría todas as formas posibles, tendo en conta porén que os subsidios son unha fonte claramente flutuante e inestábel, caprichosa mesmo -unha potencial vía de influencia, presión e inxerencia-, e que a publicidade partilla en boa medida esas mesmas características -aquilo ao que me refería co nome de publicidade institucional-partidaria-, se ben cómpre recoñecer que fóra dese ámbito e xa inseridos no mercado provado o negocio da publicidade móvese nun entorno máis evoluído -non perfecto- e con regras de funcionamento máis sofisticadas -cando menso máis claras.

Subsidios? Si, pero non deben financiar o núcleo duro ou a estrutura básica do xornal. Publicidade? Si, pero virá en paralelo á audiencia, ao bo facer comercial, ao coñecemento do público e á súa condición socioeconómica -e tamén ao seu compromiso ideolóxico para co medio, chegado o caso, aínda que a experiencia demostra que en Galicia esta vía é raquítica e está atomizada e localizada. De calquera forma, folga dicir que subsidios e publicidade non deben comprometer a liña editorial do medio en ningún caso, se ben móstrome escéptico neste sentido, e considero que hoxe en día esa independencia plena só é posíbel a título individual -como xornalista- sendo inherente ás funcións do editor o manexarse con maior ou menor habelencia nese mar proceloso.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe de xeito xeral?

Si, dos dous, pero temo que a demanda masiva tira máis pola información xeral que pola de investigación, e máis polas informacións xerais que polas políticas. A querencia polo xornalismo de investigación ten unha base máis profesional -á vella usanza- e política -transformación da realidade dun punto de vista progresista- que de condicións do mercado. A información política representa unha porcentaxe da superficie do papel moi superior á demandada polo conxunto dos consumidores de xornais -así o testemuñan numerosos estudos sobre a demanda e oferta de contidos, e sobre o visionado e lectura das páxinas dos xornais-, de xeito que a presenza hexemónica de información política -patente ou velada- só se explica con base nas estreitas ligazóns entre intereses políticos e económicos, polas relacións existentes entre medios e gobernos e/ou empresas.

Feita esa aclaración, o xornalismo de investigación é un investimento e o xornalismo xeral un gasto corrente, por así dicilo. Ambos son necesarios nunha empresa editora dun xornal, pero o investimento só debe facerse cando é necesario e sostíbel. Un artigo de investigación pode ser 10 veces máis caro que un artigo informativo. Quen o sufraga? Na miña visión do novo medio a audiencia e os compradores determinarán progresivamente o nivel de esixencia dos contidos.

Ben é certo que a oferta tamén xera demanda -como recorrentemente se nos tenta aprender nas facultades de economía- pero postos a comezar a casa eu non principiaría polo tellado, ou en todo caso esperaría a eventos ou sucesos de alcance xeral -eleccións, catástrofes, axitación social- para desenvolver unha estratexia fundada no xornalismo de investigación. Para darlle saída a este tipo de xornalismo ‘caro’ cómpre ter en conta ademais a existencia de confidenciais e tertulias varias, co agravante de que a súa fronteira co xornalismo amarelo son estarrecedoramente difusas, tamén en Galicia.

Non acredito por tanto que un novo xornal se poida soster soamente no xornalismo de investigación. E se falamos dun dixital o valor diferencial do novo medio debería pasar por outras cousas, na miña opinión: máis información xeral emenos política, máis informacións especializadas e menos axencias, enfoque no territorio, valor intrínseco na selección de noticias, rapidez na información, etc…

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

En parte xa respondín a esta pregunta no punto 1a anterior.

Pluralidade? Difícil. Como na política, é posíbel, pero sumamente difícil. E máis nunhas coordenadas críticas, transformadoras ou ideolóxicas de esquerdas. Un medio plural tería máis sentido baixo determinadas circunstancias e de forma transitoria, normalmente para facer fronte á adversidade ou a un inimigo común.

No concreto, un medio politicamente plural debe ocupar o espazo político e partidario de PSdeG e PSOE, cuxa centralidade está situada agora mesmo na abstención, e componse de poboación urbana de entre 30 e 50 anos, universitaria e profesional, galega e galeguista, sen adscrición partidaria. Moita menor importancia teñen, ao meu ver, posicións máis extremas ou radicais sen apenas representación política institucional, como tampouco tería importancia, para o que estamos a falar, aquela abstención sistemática dos situados permanentemente fóra do sistema -se é que tal cousa é posíbel.

Ideoloxía? Si. Marcada? Non tanto, máis ben implícita e puntual -cuestión de oportunidade. Se se quere informar e transformar o mundo sen dúbida cómpre ter esa liña e cómpre mostrala, como san exercicio de transparencia, pero falaría máis de cosmovisión que de ideoloxía. Hoxe por hoxe non existe maior obxectividade e independencia que a que se pode encontrar nun debate aberto, contrastando informacións de varios medios, e disparando de cando en vez aínda que sexa de forma preventiva pero sempre con razóns contra a propia casa. Unha aliñación presuposta, automática e/ou definitiva cun bando ou partido paréceme prexudicial.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?

No tocante á división de esforzos os blogues non supoñen maior impedimento para a circulación da información que a saída das misas das doce, os viños nas tabernas ou o botellón. Son lugares onde a xente se comunica e se pode estar, escoitando ou participando activamente na conversa.

Impiden que apareza un novo medio? Non. E en todo caso un novo medio ten que aprender a estar presente neses espazos e a interrelacionarse con eles. Se un bota contas das ligazóns que acaparan os medios tradicioais nas redes sociais ou nos portais de novas sociais verá claramente que aínda que muden os lugares as referencias e as fontes mudan máis lentamente -aínda que si, os blogs e os novos dixitais teñen o seu nicho. As tendencias do mercado e as esixencias para novos medios pasan pola innovación -ocupar os espazos emerxentes-, a especialización -afondar nos existentes-, e a segmentación do mercado -mesmo a microsegmentación-.

Calquera novo medio ten que estar presente nas grandes redes sociais, portais e servizos web de alcance mundial, mesmo estando en contra da súa filosofía ou do seu carácter pechado ou privativo -unha cousa é construír unha realidade á marxe e outra transformar a presente. E esta lección non a acaban de ter clara determinados movementos e colectivos que -lexitimamente- apostan pola creación de novos medios -limitados no seu mercado económico, ideolóxico, territorial e/ou lingüístico.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado? Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

O fenómeno Wikileaks tivo a súa magnitude dentro do aínda reducido e en boa parte endogámico mundo da internet, pero só acadou algo de repercusión masiva cando foron os propios medios tradicionais quen mediaron na difusión dos papeis. Se algunha virtude pode ter Assange sería -hipoteticamente e á marxe dos personalismos e do debate sobre a súa figura- ter comprendido -se é que foi así- que en determinada fase dunha estratexia de filtracións a escala planetaria e a medio prazo alguén tería que ter feito precisamente iso: asumir a contradición de que para aumentar a importancia da rede e de ferramentas de liberdade informativa como Wikileaks é necesario ir alén da internet e usar/ser-usado os/polos medios tradicionais.

Dubido que Wikileaks, Openleaks e outros proxectos vaian tirar embaixo goberno ningún. Iso sitúa a súa influencia e importancia lonxe do que supuxo o Watergate, por exemplo, aínda que é certo que parte desta condición de imposibilidade se deba non á súa natureza nin tampouco ao seu bo ou mal facer senón ao feito de que detrás de Wikileaks con hai intereses e poderes de entidade que noutros casos actúan por detrás promovendo os escándalos en beneficio propio. Acredito máis en determinados efectos pequenos e contantes e sumados, na activación de ligazóns sociais febles, que con ocasión de determinados acontecementos eclosionan en movementos e protestas organizadas, estes si con maior alcance político.

Doutro lado, creo que Wikileaks veu a visualizar algo que algunha xente xa sabía e moita outra xa intuía. Quizá os máis sorprendidos polas revelacións fomos as persoas que aínda conservamos -conservabamos?- algún crédito na política partidaria e na orde mundial -entendida ao xeito tradicional. En xeral, o que eu vexo posto en cuestión, máis que este ou aquel goberno, é a credibilidade nos sistemas democráticos de representación política e a mesma validez do sistema xurídico e das leis -o que tantos denominan ‘Estado de Dereito’-. E o certo é que, en certa medida, esta deslexitimización dos gobernos contribúe máis á ocupación dos espazos de representación política polas forzas conservadoras e os poderes económicos do capitalismo neoliberal, ou ao caos, que a fornecer argumentos e ferramentas para unha nova forma de gobernanza.

Confío, porén, en que Wikileaks si pode ter algún valor no ensino e na adquisición da condición de xornalista, e que mude determinadas actitudes no xeito de informar e de publicar.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis conveniente outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os acontecementos máis sosegado?

En parte xa respondín a esta pregunta no punto 3 anterior.

Creo que non existe mercado para un medio de comunicación de periodicidade superior ao día. Toda creación nese sentido ou está ocupada por revistas e voceiros preexistentes, ou a concibo máis como suplemento semanal -non dominical- dun medio diario.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Atinar na ordenación, filtrado e selección da noticia e gañarse a pulso a credibilidade, tanto no plano individual do xornalista canto no colectivo como medio de comunicación.

Addenda

Botei de menos unha pregunta sobre as posibilidades de colaboración dun novo medio cos medios existentes, aínda que adianta a miña visión escéptica -cando non pesimista informada- sobre a viabilidade de tales colaboracións ou sinerxias. A experiencia demóstrame que prevalecen os intereses empresariais e persoais -e o individualismo se se quer- e que á vista diso todo éxito dun novo medio pasa polos acertos propios e a dinámica de competencia aberta cos medios preexistentes.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a “Un novo xornal?” Reflexión en profundidade de Carlos Neira sobre os medios de comunicación galegos

  1. Pingback: Carlos Neira opina sobre a prensa nun interensatísimo artigo

Os comentarios están pechados.