Os medios de comunicación galegos a debate. Presentación do acto.

 

Disque nunha sociedade democrática a cidadanía ten acceso á información. Iso é unha falacia! Se Charles Foster Kane fose un tipo da Coruña, teríamos que renderlle gabanzas polo seu imperio xornalístico? Acaso somos máis libres grazas a New York Times ou The Guardian? Se Pullitzer fose de Mondoñedo e William Randolph Hearst de Cambados debaterían na prensa escrita en galego? Seremos máis críticos a canta máis información poidamos chegar? Ou acaso máis pailáns? Asegúranos a axencia EFE ou Europa Press unha fonte verídica?

Poñámonos serios.

 O 2010 podería ser considerado coma un annus horribilis para saúde do exiguo sistema de medios de comunicación cos que contaba a esquerda nacional galega. O portal Vieiros pechaba despois de varios anos informando en galego e cunha visión galega. O semanario A Nosa terra pasaba por problemas económicos e laborais e deixaba de editarse en papel. E os responsables de Chuza, o portal de novas non xerárquicas, decidían botar tamén o cerrollo aínda que logo resucitaría.

Malia existiren aínda outros medios que resistían á maré de peches, a sensación que se estendía pola rede coma un regueiro de pólvora é que o país non deixaba de ceder espazos informativos xusto no momento en que un PP ideoloxicamente moi agresivo e desacomplexado se propuña levar a cabo o seu programa de máximos, tanto no eido social coma no cultural e lingüístico, contando, ademais, co apoio e soporte non só da práctica totalidade dos medios de comunicación privados que actúan no país senón tamén co da Compañía de Radio Televisión de Galicia.

Facéndose eco deste desacougo, o mesmo que xa fixera coa cuestión da lingua no acto sobre os neofalantes, o Colectivo A Nave das Ideas proponse achegar o seu gran de area a un tema que preocupa. Foi así que naceu a idea de potenciar o debate e buscar puntos de unión arredor da necesidade de dotármonos duns medios de comunicación que poidan competir eficazmente coa apisoadora mediática da dereita na cada vez máis necesaria batalla ideolóxica.
Este debate impulsado pola Nave está a ter lugar xa na rede, concretamente no noso blog, a través dunha serie de minientrevistas a persoas que, xulgamos, teñen moito que dicir sobre o tema.

 A próxima celebración dunha charla-debate que contará coma convidados aos xornalistas Marcos Pérez Pena, Comba Campoy e máis Carlos Barros pretende poñer o broche a esta tentativa de axitar un pouco as augas contra calquera idea de resignación para que entre todos e todas sexamos quen de xerar algún tipo de sinerxia que propicie o artellamento desas ferramentas informativas que tanto precisamos.

 Se ti tamén pensas que é necesario pensar e actuar arredor desta cuestión, se queres participar e non quedar na casa a velas vir, convidámoste a pasar pola Casa da Cultura de Vigo o vindeiro 25 de marzo ás 20:00 horas.

Non faltes!”

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Os medios de comunicación galegos a debate. Presentación do acto.

  1. Pingback: Medios de comunicación galegos a debate » Renovar o BNG - v 2.0

Os comentarios están pechados.