Emilio Xosé Ínsua opina sobre os medios de comunicación galegos

Cando faltan só uns días para que celebremos o debate sobre os medios de comunicación publicamos aínda algunha opinión máis. Neste caso a de Xosé Emilio Ínsua, investigador e activista cultural.

A grave crise e mesmo definitiva desaparición case simultánea de varios medios de comunicación de noso, o semanario A Nosa Terra, o dixital Vieiros e o xornal comarcal A Peneira, debería ter servido xa para abrir no campo do galeguismo unha fonda reflexión que constituíse o necesario paso previo para afrontar reformulacións que permitisen soñar con poñer en pé novamente e en breve prazo empresas xornalísticas de factura se non idéntica, semellante (“millorante” máis ben) ás citadas.

 Mais nisto, como en moitas outras facetas, aplicamos aquilo de que “mentres o pau vai e ven, descansa o lombo” e ficamos a velas vir, exasperantemente quedos, nunha parálise que intensifica o sentimento de frustración.

 Conformámonos, consolámonos e mesmo compracémonos en nos autoenganar botándolle a culpa de todo aos factores “externos”, a comezar polo pernicioso (des)goberno de Feijóo (que aí o está, efectivamente), porque así escusamos cuestionar de raíz as experiencias fracasadas e procurar os porqués últimos desas derrotas: o atinado ou non de liñas editoriais seguidas antano, os métodos de traballo implementados, os graos de pluralidade ideolóxica atinxidos, os niveis de diversificación nos contidos despregados, os xeitos de diálogo participativo e implicación coa comunidade lectora postos en marcha, a eficacia publicística e profesionalidade acadadas, as derivas nocivas pola excesiva dependencia institucional ou partidaria que se puideron abrazar, as estruturas de redacción e administración utilizadas, etc., etc.

 Se a todo iso engadimos o minifundismo mental contaxioso e, o que é peor, pagado de si que algúns partidos e sindicatos prefiren cultivar esta última tempada, na mellor tradición do ineficaz resistencialismo meduliano, antes que perder o absoluto control de calquera elemento en que teñan cuota de participación, a cousa está en que o galeguismo nin case posúe medios, nin semella ter como prioridade poñerse ao labor de telos… En fin, xa cantou Xocaloma, nos seus tempos, “non sei quen amañará o país”… e nesas aínda estamos, ao que se ve.

 Cada un dos medios galeguistas finados tiña, alén das súas especificidades técnico-profesionais, as súas virtudes e os seus defectos como realizacións. Das primeiras deriva esta especie de “baleiro” existencial grande que sentimos, a pesar de todos os pesares, pola súa ausencia, día a día e semana a semana desde hai meses. Dos segundos ninguén semella ousar falar, porque sería amentar a soga na casa do aforcado ou porque da exhibición pública dos “trapos sucios” intestinos, pénsase, só sairía gañando a “brigada de demolición” instalada en San Caetano.

 Mais haberá que poñerse dunha vez ao labor de análise e disección, para que, diagnosticada a ferida e as causas complexas do mal que os atacou, sexa posíbel comezar a rexeneración dese tecido, tan fundamental para que o corpo enteiro do país soñado se recupere. Se as xornadas de “A nave das ideas” cumpren esa pioneira sesión diagnóstica, non será mal servizo e, se cadra, ata poden chegar a ser un comezo…

 En derradeiro extremo, ese xornalismo anovado que necesitamos ten que ser fondamente galego (compromiso coa lingua e coa cultura propias, visión desde e para o país…), sinceramente democrático e pluralista de verdade, o máis interactivo que poida e rabiosamente “investigador” (se por tal entendemos un xornalismo esforzado en desvelar os mecanismos de funcionamento que a propaganda e os status quo de toda caste se empeñan en ocultar ou maquillar). Ademais, ten que estar “participado” por amplas bases de pequeno accionariado e asentado sobre amplas listaxes de asinantes. Debe, finalmente, estar moi apegado ao territorio, atento e aberto aos movementos sociais e ser, en derradeiro caso, menos noticioso do que interpretativo. A fórmula é doada de enunciar… mais quen lle vai pór o axóuxere ao gato?

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Emilio Xosé Ínsua opina sobre os medios de comunicación galegos

  1. Pingback: Emilio Xosé Ínsua opina sobre a prensa

Os comentarios están pechados.