María Reimóndez tamén opina sobre os medios de comunicación galegos

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a preguntar a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. Velaquí as opinións da activista e colaboradora en prensa María Reimóndez:

Dicir que unha información plural é a única maneira de exercer criticamente a cidadanía pode parecer algo evidente, mais nos tempos que corren cada vez semella resultar máis necesario recitar este mantra. Isto quere dicir que se a sociedade galega quere estar integrada por cidadás e cidadáns e non só por consumidoras e consumidores, o requisito de acceder a unha información plural é unha necesidade imperiosa. O dominio dos xornais de dereita amosan a cara máis escura do déficit democrático galego. As radios, a tele etc.

Este nobre obxectivo vese inzado de dificultades dado que os intereses económicos parecen ser nos tempos que corren o único interese e a cidadanía activa padece unha sobrecarga de subscricións importante. As subvencións e a publicidade son vías de financiamento que non deben determinar as políticas editoriais, e isto debe reclamarse. Isto é necesario porque unha cousa son as redes e os blogs e outra a información fornecida por profesionais, que debe manter un mínimo rigor, contrastarse, ser reflexiva.

Pero en Galicia, nas periferias temos moitas alternativas de calidade porque a necesidade agudiza o enxeño, estruturas máis horizontais e de base que responden a diferentes intereses.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.