Que pensa Daniel Salgado dos medios de comunicación galegos?

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a preguntar a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. Velaquí as opinións do xornalista Daniel Salgado:

1.  Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Penso a resposta a esta cuestión á inversa da súa formulación. Que eu considere necesario un novo medio de comunicación para este país depende de cales sexan os trazos dese medio. Porque, por caso, antes da fin de abril a Secretaría Xeral de Medios vai repartir 84 novas licenzas de radio en frecuencia modulada. Son eses os novos medios de comunicación que “precisa Galiza”? E logo habería que precisar que enxergamos por Galiza. Non quero facer socratismo, pero moitas das empresas que levarán algunha desas licenzas fan parte de Galiza. O que, na miña opinión, falta –como usuario pero tamén como traballador- son medios inequivocamente de esquerdas que procuren modelos empresariais que refuguen da explotación do traballo asalariado. Teño a cabeza en Il Manifesto italiano – e sei das súas dificultades económicas actuais- ou Tageszeitung alemán.

2. Podemos aspirar a un xornal de subcricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade?

Para responder a esta pregunta sempre podemos citar o magnífico exemplo da esquerda vasca e como conseguiron crear un xornal de masas a partir das subcricións populares. Pero iso coloca no debate outra cuestión, ao meu ver a cuestión central. Os medios de comunicación da esquerda deben ser unha derivada da vitalidade dos movementos sociais progresistas, do seu combate pola hexemonía política, da súa non renuncia. Sobre a cuestión das denominadas subvencións habería que fiar moito máis fino: ao cabo, o sistema de subvencións non é máis que un mecanismo de redistribución da riqueza colectiva. Outra cousa é que os sucesivos gobernos as teñan utilizado engordar a conta corrente do patrón de La Voz de Galicia ao cambio dunha non sempre conseguida –vid. bipartito- adhesión informativa. Pero non deberiamos caer nun discurso veadamente neoliberal ao respecto. Sei que non resulta doado.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou abonda cun xornalismo que informe de xeito xeral?

Sinto cinxirme a un tópico, pero son dos que, dalgún xeito, pensa que o bo xornalismo é aquel que dá a saber aos lectores cousas que alguén quere que non se saiban. Ou aquel que é quen de mapear realidades ocultadas. Á ecuación engadiríalle a orientación esquerdista que a min me gustaría para un novo xornalismo en Galicia.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

Non coñezo ningún medio de comunicación que non teña unha liña ideolóxica marcada. O máis honesto é explicitala e non facer como a meirande parte da prensa galega diaria, na que non existe o xénero do editorial. Sobre a cuestión da pluralidade, habería que definir o termo, que na súa acepción máis común semella importado dun liberalismo preguiceiro. Tal e como está configurado na actualidade o campo mediático en Galicia, o que engadiría pluralismo sería un xornal marxista leninista, ou un diario con óptica anarquista, ou un semanario que fornecese de materia para pensar Galicia dende o punto de vista das esquerdas teóricas e prácticas emerxentes no planeta. E non un novo modelo de cotas onde escriba un do Bloque, outro do PSdeG e outro do PP –isto é o que as empresas xornalísticas entenden habitualmente por pluralismo.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?

Calquera cousa pode ser unha fonte de información. Agora ben, e iso é algo que adoito se esquece, o xornalismo implica unha serie de mecanismos e procedementos –o oficio- que o diferenzan dese simplista contar-o-que-pasa dun suposto e falsamente denominado “xornalismo cidadán”. En todo caso, as redes sociais e os blogues tamén son un síntoma do despezamento dos espazos públicos e comúns e do esvaecemento das sociedades de masas en que naceu o xornalismo e as súas estruturas de traballo tal e como aínda as entendemos.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado? Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?
 
Cústame moito identificar o que de novidoso respecto ao xornalismo habitual hai no asunto Wikileaks. Ao cabo, trátase de alguén que accedeu a unha información que alguén non quería ver publicada e que empregou os medios de comunicación como o que ese sintagma exactamente indica: para mediar na comunicación pública dos materiais. E as empresas de comunicación fixeron o seu traballo coas limitacións que implican as súas estruturas de propiedade e as súas opcións ideolóxicas. Estas consideracións non me impiden, nin moito menos, negar a importancia dos contidos de Wikileaks e da súa revelación. Non concordo en absoluto con quen o menospreza ou co cinismo de certa esquerda ao respecto, ese “xa o sabiamos” resabiado que tanto dano fixo ao movemento emancipador durante os anos noventa. Manteñamos a capacidade de indignación, por favor.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis convinte outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os acontecementos máis sosegado?

Hai anos que existe un xornalismo arrimado á reflexión e á intepretación do que acontece. Atópasa entre a New Left Review e algunhas reportaxes que (aínda) se poden ler na prensa empresarial ou determinados traballos editados en forma de libro –de Cidade de cuarzo de Mike Davis a Mamadú vai morrer, do italiano Gabriele del Grande, ao 18 Brumario de Napoleón Bonaparte- ou ás veces na Trabe de Ouro ou no NGZ. Sempre pensei que a prensa de papel debía tender a non competir, nin do punto de vista cuantitiativo nin do cualitativo, coa televisión, a radio ou, máis recentemente, Internet. Que debería trazar unha vía apoiándose no que pode ofrecer de singular. E sempre pensei que ese modelo reflexivo e intepretativo é o que fai valiosa esa estraña profesión do xornalismo.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información, cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, do xornalismo?

Coido que algunha das respostas anteriores levan implícita a miña opinión ao respecto. De continuar vixente o actual modo de produción e non virar en sentido progresista, o xornalismo continuará implicando unha serie de técnicas non espontáneas e que cómpre aprender. Decote, nos medios militantes, falta a teorización sobre en que debe consistir unha información de calidade. Desconfío, xa o dixen antes e non se trata de gremialismo, dese optimismo tecnolóxico –adoito inducido empresarialmente- que fala de xornalismo cidadán e que o que produce, moitas veces, é información de baixa calidade. O que non quere dicir, nin moito menos, que entre os profesionais todo sexan prácticas de primeira. De feito, os propios profesionais son en boa parte responsábeis do descrédito da profesión.

9. Que funcións pensas que deben cumprir as administracións públicas a respecto do dereito a unha información de calidade?

Das actuais administracións públicas e dos actuais modelos estatais no Occidente desenvolvido, pouco agardo. Teño a aguda sensación de que vivimos unha fin de época e o capitalo-parlamentarismo non é quen de cumprir outra función que a que xa cumpre. As empresas mandan e ordenan e a soberanía popular desaparece. Nunha ordenación social diferente, a administración das cousas deberá ofrecer un regulamento para garantir o pluralismo real e daquela impedir o monopolio e censurar, sei que o verbo é delicado, prácticas informativas non axustadas a un xornalismo de calidade. É dicir, non permitir a publicación a mantenta de embustes baixo o epígrafe de información.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Que pensa Daniel Salgado dos medios de comunicación galegos?

  1. Pingback: A opinión de Daniel Salgado sobre os medios de comunicación

Os comentarios están pechados.