Que pensa Roberto Noguerol dos medios de comunicación galegos?

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a preguntar a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. Velaquí as opinións do ex-xefe de redacción de Vieiros Roberto Noguerol:

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Non só un medio, senón todos os posibles. O nacemento dun medio sempre é unha boa noticia. Mais o país semella estar nestes momentos aínda en proceso de desfacerse de medios existentes… E cando falamos de medios non debéramos cinguirnos só a medios xeralistas. Galicia tamén precisa de espazos informativos temáticos que non están ben cubertos. Por outro lado, dun xeito especial, lembraría que o mapa radiofónico galego permanece eivado desde hai anos e que a radio demostrou ser un medio cunha capacidade de penetración e unha importancia indiscutible mesmo no novo ecosistema debuxado coa chegada das TIC. As equivocadas decisións políticas e a falta de ambición por outro lado impediu un mapa radiofónico galego máis fértil.
En todo caso, a min a curto prazo preocúpame máis a febleza dos medios aínda existentes que a aparición de novos medios. É dicir, estamos convencidos da necesidade da aparición de novas propostas que cubran espazos como o deixado por Vieiros, pero temos cabeceiras aínda vivas que necesitan de toda a axuda e o impulso posibles. Témome que unha sociedade que non demostre xenerosidade e capacidade de tender pontes para axudar a consolidar cabeceiras mediáticas xa existentes pode demostrarse incapaz de botar á luz novas cabeceiras…

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade?

Ser “dependente” ten unha implicación diferente se falamos de subvencións ou de publicidade.
No que respecta ás subvencións, dende Vieiros tiñamos proposto non sen ironía en máis dunha ocasión que se suprimisen directamente. Especialmente as supostamente adicadas a promover a publicación en galego. Obviamente Vieiros, sendo medio diario e en galego, non recibía esa axuda. Pero un medio que publicase un 1% das súas noticias en galego era gorentosamente subvencionado. Entón se cadra o problema non é a existencia de subvencións, senón a xestión e funcionamento destas. Se hai criterios claros, sexa a lingua ou outros, e transparencia no outorgamento e aproveitamento destas, non debera asustarnos a súa existencia. Por exemplo, un medio tan ambicioso como Ara, recentemente nacido en Cataluña, expuxo directamente aos seus lectores, nun inédito xesto, cales e por que eran as cantidades recibidas en concepto de subvención por parte da Generalitat. En todo caso, insisto, hai quen quedou coa equivocada idea de que Vieiros desapareceu por non ter subvencións, cando isto non é certo. Vieiros non tiña subvención no tempo de Fraga, non a tivo apenas co bipartito e non mudou a cousa co novo cambio na Xunta. Creo que é importante que esa lección quede clara para que non se centre o debate neste aspecto.
No que lle toca a publicidade, calquera novo medio que naza ou os xa existentes non deberan ter medo a impulsar o proxecto por esa vía. Moi ao contrario, deberan ser ambiciosos e tratar de profesionalizar o maior posible esa área do proxecto. Mais témome que o complicado é precisamente o labor comercial necesario, a constatación de que o actual contexto económico é o peor dos posibles. E outra advertencia: o risco de que a “dependencia” da que falabamos, se estabeleza por unha inserción maioritaria de publicidade de administracións no canto de publicidade empresarial.
No que respecta a subscricións creo que é unha estratexia moi importante, mais cinguiría o debate á prensa tradicional, xa que internet non está madura aquí como para solicitar o pagamento por contidos. Penso que Tempos Novos e Novas da Galiza teñen demostrado a capacidade de engraxar un proxecto informativo por medio de subscricións. Un produto aguerrido e de calidade que ten por tras o soporte de centos de subscritores. Iso ten un valor incalculable.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou baste cun xornalismo que informe de xeito xeral?

Precisamos as dúas cousas, porque as eivas son grandes no ecosistema mediático tanto nun como noutro sentido.
Precisamos medios que estean a pé da realidade máis inmediata, contextualizando e expoñendo os feitos máis recentes sen lastres, terxiversacións e imposicións das fontes ‘oficiais’. E precisamos tamén ese xornalismo de investigación que non existe apenas nin sequera nos medios economicamente máis poderosos. Porque investigación implica tempo para roer a fondo en temas e fontes. E tempo implica investimento por parte do medio. E os medios actuais semellan estar dispostos a perder en calidade para gañar caixa por outro lado. As redaccións están cheas de cancelas, con magníficos xornalistas frustrados por ver pasar por diante asuntos de máxima gravidade para os cales non se lles concede tempo nin oportunidade de afondar. Un novo medio que naza con precariedade de recursos vai poder responder a ese desafío? Non, non se pode facer investigación todos os días con tres patacóns no peto, por iso hai que combinar as dúas vías.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

A pluralidade sempre é posible e, paradoxalmente, nunca suficientemente ben dixerida por algúns dos que máis a reivindican. A pluralidade tamén é un problema de percepción. E contamos cun obstáculo ben definido desde tempos inmemoriais: a xente, tamén no contexto mediático, gusta de consumir produtos que lle conten sempre o que quere escoitar.
A pluralidade bate con outras inercias paradoxais. As que explican por exemplo que un persoeiro exquisitamente ben tratado nun pequeno medio, actuará con inxusta belixerancia contra o pequeno medio cando considere que non se falou abondo del… e pola contra acudirá obediente e sumiso a retratarse á beira do xigante mediático en canto este llo pida.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?

Redes sociais e blogues poden ser fontes de información, de opinión, de análise… Ingredientes extra dun novo ecosistema mediático imposible de obviar e cheo de interconexións. Os medios, novos e vellos, non poden fuxir desa realidade. Redes e blogues non dividen esforzos. Moi ao contrario. Son oportunidades para o encontro. Son novas ferramentas para o cambio. Quen divide son as persoas e a falta de vontade de colaboración. E diso, seguro que no país temos abondos exemplos. Falabamos antes de pluralidade… Pois pensemos en como unha sociedade fragmentada e minifundista á que lle costa tanto operar puntos de encontro en eidos políticos e socioeconómicos diversos pode ser capaz ou non de encontrar puntos de encontro para esa arelada pluralidade no contexto dos medios de comunicación.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado? Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

Non é un caso máis, tanto polas implicación políticas como polas características da filtración e o propio xeito de achegalas ao público. Wikileaks deita ensinanzas sobre as necesidades e o devezo de transparencia e de información que hai na sociedade. E se de investigación falamos, vemos claro que cando se fan esforzos extra para ter a un grupo de xornalistas roendo e peneirando un material informativo durante semanas, os lectores responden, as vendas de xornais aumentan, etc. Logo, debera ser lección para a prensa á hora de destinar recursos a ese xornalismo de investigación do que falabamos. Pero vaise actuar coa mesma celeridade e profesionalidade cos pequenos wikileaks de todos os días que sufrimos moito máis perto? O primeiro para o que debera servir é para empurrar por unha sociedade máis esixente, en termos de transparencia e loita contra a corrupción, cos seus medios de comunicación e cos seus representantes políticos.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis convinte outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os acontecementos máis sosegado?

Remítome ao comentado anteriormente. Son necesarias as dúas cousas. Imprescindibles. Os wikileaks pequenos de todos os días son decisivos para unha prensa e unha sociedade máis maduras.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xornalistas?

Isto a miúdo preséntase como un problema de enfrontamento, cando non é tal. Estamos nun contexto de complementariedade, onde o que aumenta é o fluxo de información. Toda nova capacidade de análise, opinión e de xeración de información que poida abrollar na sociedade debe ser benvida. E é importante que moita xente, no seu tempo de lecer, adique esforzos a ese labor. A maiores, permanecerá a figura do xornalista, persoa que se supón que vive profesionalmente de facer iso mesmo dun xeito sistemático e organizado, sexa freelance ou dentro de estruturas de medios de comunicación, ao xeito tradicional ou baixo novos modelos. Todo contribúe á construción dun escenario mediático máis democrático e plural.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Que pensa Roberto Noguerol dos medios de comunicación galegos?

  1. Pingback: Opinión de Roberto Noguerol sobre a prensa galega

Os comentarios están pechados.