Que pensa Xabier Cordal dos medios de comunicación galegos?

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a preguntar a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. Velaquí as opinións do escritor Xabier Cordal:

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Precisamos un medio de comunicación en galego, de amplo espectro progresista, no que teñan sitio todas as opinións e que non traballe para maior gloria dunha sigla concreta. Postos a soñar, nese xornal a información local tería o maior dos protagonismos, absorbendo esa parte da prensa comarcal aberta ao noso idioma, e funcionando tamén na rede co apoio dunha selección de blogs individuais, tanto de información como de opinión, o que garantiría a independencia e a variedade das liñas editoriais.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade?

Non existe prensa sen subvencións e sen publicidade, pero cumpriría unha forte campaña inicial de subscrición. O maior problema dun medio das características citadas arriba serían os intentos de control, directo ou indirecto, por parte dos grupos de presión dependentes dos partidos, desa publicación independente. A experiencia dos últimos anos di que o que certos poderes non poden controlar, prefiren afogalo. O caso de Vieiros é paradigmático.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe de xeito xeral?

Galicia debería ser o paraíso dese xénero case ausente, o xornalismo de investigación. A información xeral non é en absoluto incompatible con el.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

É imprescindible a pluralidade e é imprescindible non dar aínda máis espazo para intoxicar a opinión pública a quen xa teñen moi bos espazos, e ben pagos, na prensa reaccionaria (e, o que é peor, na prensa que se autoproclama progresista). Non sendo para nos mostrar a súa verdadeira cara; eu non estou en contra de que se entreviste a Gloria Lago, pode ser máis eficaz que unha ducia de artigos de opinión.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?

Vid. pregunta 1.

6. Pensas que o asunto Wikileaks mudará moito o xeito de informar sobre os gobernos ou será só un caso máis, semellante a outras filtracións do pasado? Influirá tamén no que a sociedade demande dos xornalistas?

Polo que imos sabendo, Wikileaks é a prensa rosa dos secretos de Estado. En Wikileaks non saen as conspiracións contra Cuba, non hai datos sobre o autogolpe do 11-S, sobre Al-Qaeda e, en xeral, sobre todas as cuestións xeoestratéxicas e políticas que en verdade o Imperio precisa manter en secreto. Non entendo o que significa “a sociedade” nesta pregunta. Os xornalistas son sociedade e a sociedade percíbese a si mesma a través da información que achegan os medios.

7. Cres que é necesario un xornalismo moi pegado á realidade ou sería máis convinte outro tipo de xornalismo máis reflexivo e cun prazo de reacción ante os acontecementos máis sosegado?

Todos os modelos poden convivir, pero sen información local o xornalismo perde gran parte da súa eficacia ante o modelo dominante, que é o da mundialización das consignas (ideolóxicas, económicas, de lecer, etc. etc). É preciso coñecer como operan os grandes e pequenos poderes no microespazo local para ter unha capacidade de influencia que non acabe en diálogo balsámico entre militancia que xa estaba convencida do que le. En canto ás reaccións, o xornalismo caracterízase por intentar cubrilas todas. Está a información inmedidata, a opinión rápida e o artigo de fondo. Todo iso pode e debe convivir.

8. Nunha sociedade que potencia a figura do consumidor-produtor de información cal é a función, se é que teñen algunha que cumprir, dos xonalistas?

Os xornalistas están formados para responder a calquera situación da mellor maneira posible, e se teñen medios para facelo é difícil que rede ningunha de blogs ou similares dea desprazado a súa función.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.