Que pensa Xurxo Salgado sobre os medios de comunicación galegos?

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a propor a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. O primeiro en opinar, nesta xeira de entrevistas, será Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial. Velaquí as súas opnións:

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Obviamente que Galicia necesita dese novo medio. Logo da desaparición de Vieiros, do esfaleramento de A Nosa Terra e da mala situación que atravesa Galicia Hoxe é necesario un medio en galego cunha visión estratéxica deste país e unha visión aperturista ao que acontece fora. En todo caso, e como sabes, eu son partidario de apostar por proxectos que xa están e que son viables e referentes informativos en certos ámbitos como é o caso do Galicia Confidencial.

2. Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentens de subvencións e publicidade?

Eu penso que si se pode aspirar a un xornal de subscricións ou donacións pero, desde logo, a experiencia tamén di que non é suficiente para manter un proxecto xornalístico decente e por iso se fai necesario abrir novas vías de financiamento. Non son partidario das subvencións e penso que coa crise da publicidade esta vía é secundaria.

3. Precisamos dun xornalismo de investigación ou baste cun xornalismo que informe de xeito xeral?

Obviamente as dúas fórmulas son complementarias. O problema é que en Galicia non temos xornalismo de investigación. Non se fai ou non interesa. E por iso é unha temática que habería que ter moi en conta, aínda que é cara e leva tempo e recursos.

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

A pluralidade é posible, obviamente, pero o medio debe de ter unha liña ideolóxica marcada e propia e ten que pasar, ao meu entender, por unha visión progresista, crítica e transformadora da realidade e con visión de país.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?
En absoluto. As redes sociais son unha moi boa ferramenta de traballo para os xornalistas. Son novas fontes de información que dinamizan o panorama informativo e axudan a estender as mensaxes. Non conforman medios de comunicación como tal pero son importantes redes de contidos e de información da que se debe nutrir un medio.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Que pensa Xurxo Salgado sobre os medios de comunicación galegos?

  1. Pingback: Xurxo Salgado opina sobre a prensa

Os comentarios están pechados.