Que pensa Santiago Jaureguízar dos medios de comunicación galegos?

Como unha parte máis do debate que terá lugar o vindeiro 25 de marzo en Vigo, a Nave das Ideas estalle a preguntar a distintas persoas a súa opinión sobre a ausencia de medios de comunicación galegos comprometidos e potentes así como sobre o papel dos novos xeitos de comunicación e información como son as redes sociais e os blogues. Velaquí as opinións de Santiago Jaureguízar:

1. Precisa Galiza dun novo medio de comunicación? En caso de que si, cales serían os seus trazos?

Hai un espazo grande para un xornal en internet, que sexa nacionalista e esquerdista que deixou baleiro Vieiros.

2.Podemos aspirar a un xornal de subscricións ou sempre seremos dependentes de subvencións e publicidade?

Semella inviable. Non podemos aspirar aos contidos do New York Times e ao pago por suscrición. Sen esa calidade dos contidos, non teremos máis pago co do voluntarismo e durante un tempo. As dimensións do noso mercado son demasiado cativas. En papel é inviable polos custos; en internet, semella case que inviable porque dubido que dese sequera para cubrir gastos de persoal (aínda contando con mileuristas e unha infantería de colaboradores gratuítos). Opino isto pechando os ollos á pirataría e soñando con que milleiros de usarios comprendan que producir información ten custos elevados.

3.Precisamos dun xornalismo de investigación ou basta cun xornalismo que informe de xeito xeral?

O xornalismo de investigación é necesario sempre como contrapeso ao poder e como único xeito de coñocermos a realidade. Agora, para financialo…

4. É posíbel a pluralidade dentro dun proxecto editorial? Cómpre que un medio teña unha liña ideolóxica marcada?

Os medios de asentamento territorial procuran seren plurais, os de asentamento por segmentos de poboación tenden aquelarse ao seu mercado cunha liña ideolóxica. Ambos os dous son precisos.

5. As redes sociais e blogues: son fontes de información ou dividen aínda máis os esforzos para acadar un novo medio?

Internet é un medio de información que segue escaso de prestixio. A xente cre no que le nun papel; en moitos casos con razón porque os produtores de información na rede pecan ás veces de falta de rigor cando non de manipulación.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Que pensa Santiago Jaureguízar dos medios de comunicación galegos?

  1. Pingback: Que pensa Santiago Jaureguízar dos medios de comunicación galegos?

Os comentarios están pechados.