NEOFALANTES, O GALEGO SERÁ URBANO OU NON SERÁ

Falamos galego decote. Somos galegofalantes. Sómolo na cidade ou na aldea. Tanto nos ten. Falamos galego e cun engado: somos neofalantes. Gústanos selo. Non nos educaron na nosa lingua; tivemos que aprendela e dominala. Non resulta doado cando o facemos nunha cidade coma Vigo, cunha presión social contraria á lingua nosa. Botamos abaixo prexuízos dos que din que somos paletos deica outros que din que estragamos o galego. Se falar a nosa lingua cada día resulta máis complexo, aínda o será máis cando un muda do castelán ao galego nun contexto urbano. Falamos galego e protexémolo coidando del. Non somos castrapeiros. Somos galegofalantes novos, somos neofalantes.
A aldea vén a abaixo e a cidade vén a arriba. Será na urbe onde a balanza lingüística teña o seu centro. Será na lingua urbana onde está o futuro de Galicia. Os neofalantes seremos decisivos para fornecer unha lingua de urbe, moderna, arraigada e propia. O futuro do galego está na nosa boca e no noso compromiso.
Precisamos botar lonxe calquera caste de paifocadas contra os neofalantes. Para iso celebramos este acto: demostremos que o galego é futuro na cidade de Vigo. Co galego, estamos no mundo sendo nós e non outros.
Ben o saben as persoas que nos falarán: Belén Regueira, Séchu Sende e Daria Shornikova, tres neofalantes con distintas experiencias que van dende o xornalismo até o ensino pasando por Rusia.
Convidámoste a que acudas ao acto que celebraremos na Casa Galega da Cultura (Porta do Sol) o día 10 de Nadal ás 19h do serán. Botaremos unha parolada sobre as nosas experiencias neofalantes.
Logo haberá tempo para unha foliada no corazón da urbe.

Esta entrada foi publicada en Sen clasificar e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.

10 respostas a NEOFALANTES, O GALEGO SERÁ URBANO OU NON SERÁ

  1. Depende di:

    “A aldea vén a abaixo e a cidade vén a arriba” que queres decir con isto??

  2. Pingback: Tweets that mention NEOFALANTES, O GALEGO SERÁ URBANO OU NON SERÁ | Colectivo a nave das ideas -- Topsy.com

  3. Pingback: Neo-falantes: o galego será urbano, ou não será (Vigo)

  4. W. di:

    Ola
    Quería porme en contacto con vos por un asunto relacionado coa charla.
    Poderíades por un mail de contacto, ou mandarme un correo á direción que puxen no formulario
    Obrigadiño

  5. anavedasideas di:

    Se cadra a frase pode levar a confusións. Aclarar que desde a Nave das Ideas non avogamos, nin nos alegra (as veces hai que dicir o obvio) que as aldeas, e o rural en xeral, sufran un proceso de despoboamento xeralizado. Só nos limitamos a constatar un feito -o de que a maioría da poboación galega vive xa nas cidades- que para o futuro da lingua ten moita trascendencia.
    En todo caso, moitas grazas polo teu comentario!

  6. anavedasideas di:

    O noso mail de contacto é navedasideas@gmail.com.

    Saúdos.

  7. Xosé Luís Regueira di:

    Non poderei estar o 10 en Vigo, pero estou convosco. Parabéns pola iniciativa!

  8. Xian di:

    Boas!

    Eu pergunto-me se estas palestras irám tamém pola Corunha ou simplesmente é umha charla ilhada. De serem así apoio a vosa iniciativa, mas gostaria de poder gozar e partilhar numha outra palestra na minha cidade, onde tantos neo-falantes há, e cada dia mais.

    Saúdos dum neo-falante da Coru hehe;)

  9. anavedasideas di:

    Boas Xián!

    Pois o noso colectivo ten como lugar de actuación a zona de Vigo pero a nosa iniciativa está aí para quen a queira recoller, só faltaría! Oxalá se puidese organizar máis charlas de neofalantes polo país adiante. O acto de onte foi un éxito rotundo, cuns conferenciantes espléndidos e cun público moi participativo. Non se pode pedir máis. Colgaremos vídeos e fotos do acto no noso perfil de facebook e tamén neste blogue.

    Outro saúdo para ti!

  10. Pingback: Monólogos sobre a lingua « Remexer Na Lingua

Os comentarios están pechados.