Un Día das artes galegas…

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Un Día das artes galegas…

…é posible

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en …é posible

Homenaxe a Xesús Bal y Gay

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Homenaxe a Xesús Bal y Gay

Un Día das artes galegas é posible

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Un Día das artes galegas é posible

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en

Corrupción sistémica

A Nave das Ideas organiza unha nova actividade cargada de actualidade: a corrupción. O Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, falará na Casa Galega da Cultura dende ás 18,45 sobre a corrupción sistémica que infecta a distintos niveis da administración pública.

Con el trae unha proposta concreta para combatela.  Achegádevos, escoitade e preguntade, pois tamén haberá ocasión para un coloquio.

Lembrade, mércores día 6 de febreiro, ás 18,45 na Casa Galega da Cultura. Agardámosvos!

Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , , | 1 Comentario

Manifesto do Día das Artes Galegas

Dicía Thomas de Quincey, coa ironía que o caracterizaba, que o asasinato debería ser unha das belas artes. Non pretendemos aquí levar a contraria ao inglés, pero si estamos convencidos de que o asasinato cultural dun pobo (mesmo que moitas veces se trate de suicidio) non entra na nosa definición de arte.
Rexeitar o que somos, de onde vimos, éivanos para proxectármonos no futuro. Deshumanízanos para converternos en seres sen lentes de seu, sen pensamento propio, sen capacidade para sermos nin protagonistas nin actores no concerto polifónico da cultura mundial. Esvaécenos nunha homoxeneidade que refugamos por considerala síntoma da defunción da diversidade cultural e da riqueza de mirar no diferente a virtude.
Concibimos o sempre dificilmente delimitable territorio da arte como aquilo que abrangue desde a artesanía até o deseño industrial, recollendo toda expresión artística, sexa cal for. Abrazámolo na súa totalidade e integridade. Por iso facemos a reclamación global do Día das Artes Galegas.
Con esta iniciativa queremos pór en valor o que somos, situar na comunidade a creación que realizamos, identificarnos co gran diálogo público-artista que outorga existencia a toda obra. As letras conformaron o eixo central mais non limitemos a nosa mirada. Recollemos a literatura para situala a carón do gravado, da videocreación ou da moda téxtil. Confiamos na universalidade da nosa produción artística. Non desexamos ocultar nada, antes ben, pretendemos iluminar este grande espazo cultural.
Galicia debe afrontar un reto que foxe de posicións derrotistas. Somos conscientes das dificultades que se advirten no presente e no mañá. Facemos unha chamada á cidadanía para que asuma a responsabilidade de nutrir, fomentar, defender e promocionar a cultura galega. Malia todas as eivas, está nas nosas mans superar vellas anomalías e prexuízos inoculados e afirmar a modernidade da arte galega na súa máis extensa definición.
Non é este un lugar para a desesperanza. 
Asinantes:
Aíd (Vigo, 1990)
Abe Rábade (Compostela, 1977)
Manuel Rivas (A Coruña, 1957)
Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975)
Francisco Leiro (Cambados, 1957)
Menchu Lamas (Vigo, 1954)
Luís Iglesia Besteiro (Riotorto, 1962)
Patricia de Lorenzo (A Coruña, 1971)
Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963)
Andrea Costas (Vigo, 1978)
Uqui Permui (Barallobre, 1964)
Gonzalo Vázquez (Vilaboa, 1983)
Isabel Aguirre (Vilagarcía de Arousa, 1937)
Manuel Caamaño (Noia, 1936)
Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , | Comentarios desactivados en Manifesto do Día das Artes Galegas

Acción Urbano Océano Lugrís

Velaquí o manifesto que A Nave das Ideas e In Nave Civitas sacamos co gallo da homenaxe  a Urbano Lugrís:

Sereas, peixes, fanais, nordés, astrolabios, cartografías, quinqués, mastros, baleas, veleiros, sextantes, salitre, xerfa, escumallos, rosa dos ventos… OCÉANO LUGRÍS!

O mar, o meirande complexo industrial da historia de Galicia, aparafusa dúas urbes. A Coruña e Vigo irmandadas para espallar o berro a prol da cultura. O neocontubernio galaico que pinta nun extenso graffiti pola AP-9 a afirmación eterna de sermos nós, nós sós. Atendede ben, poñede as orellas guichas; os de alí, os da alá, os de aquí e os de acolá: abaixo os localismos! A Coruña, Vigo, a mesma cidade son!

O Atlántico molla os pés desta Atlántida que é a nosa terra. Somos exploradores. Devecemos por descubrir a arte na súa totalidade porque somos pintura, música, deseño, gravado, arquitectura, escultura… porque temos xenio de artistas.

Reclamamos con toda a fachenda a obra e a figura universal que é Urbano Lugrís. Plastificou o mar, os fondos mariños, a area de Rande, das Sisargas, do Berbés e do Orzán. Eternizou o misterio dos soños dos capitáns de galeóns e dos mariñeiros dos pailebotes. Case toda a produción de Lugrís destila salitre, recolle expresións contidas en botellas que vogan polas ondas. Todo Lugrís é un ser xenial que merece un lugar altísimo no parnaso da cultura.

Con Lugrís tamén queremos facer unha denuncia: a literatura galega é imperialista. Invade e ocupa a noción cultura nacional. Converte a produción artística en letras. Fortalece os seus espazos mentres afoga outros. Nosoutros somos xeneticamente antiimperialistas. Rachemos coas fronteiras do Día das Letras Galegas para crearmos o Día da Artes Galegas. Invadamos toda Galicia de arte, convertamos o Día das Artes Galegas na causa da cultura galega.

Non queremos máis Atlántidas; queremos Galicia enteira para nosoutros e para vosoutros. Queremos apreixar as culturas doutros pobos cos pés chantados no noso, sabedores do que temos, valedores da nosa riqueza.

Soldamos nas pranchas metálicas deste enorme pailebote que é Galicia: asolaguemos aldeas, vilas e urbes co océano, fagamos que o vento leve a maré de Urbano Lugrís.

Publicado en Sen clasificar | Comentarios desactivados en Acción Urbano Océano Lugrís

Galería de imaxes de Acción Urbano Vigo

Podes vela aquí

Publicado en A Nave das Ideas | Etiquetado , , , , , , | Comentarios desactivados en Galería de imaxes de Acción Urbano Vigo

COROA POÉTICA A URBANO LUGRÍS

Con motivo dos actos de homenaxe ao pintor atlántico Urbano Lugrís o colectivo A Nave das Ideas quere brindar unha coroa poética sobre textos baseados na súa obra imperecedoira.

Na seguinte publicación que podedes descargar libremente participan poetas de diferentes xeracións e escolas que quixeron navegar connosco nesta merecida homenaxe. Por tanto, este libro que presentamos non sería posible sen a desinteresada e paciente colaboración de todas e cada unha das autoras e autores que nel aparece, e é por iso que debemos estarlles ben agradecidos, somos un país ben fermoso, sodes un océano ben fermoso!

Descárgao premendo na seguinte ligazón!

URBANO

Publicado en A Nave das Ideas | 1 Comentario